Luis Menor destaca a importancia de situar as persoas no centro da atención sanitaria nas I Xornadas de Humanización do Proceso Perioperatorio
O presidente da Deputación de Ourense puxo en valor o papel dos profesionais de Enfermaría e a importancia de combinar a excelencia científica cunha atención próxima, empática e humana
Ourense, 17 de novembro de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración das I Xornadas de Humanización do Proceso Perioperatorio, celebradas no Auditorio Municipal de Ourense e impulsadas por profesionais de Enfermaría da área cirúrxica do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).
Durante a súa intervención, Menor destacou que «a excelencia sanitaria non se mide só pola capacidade de curar, senón tamén pola maneira de coidar», reivindicando a importancia de ofrecer aos pacientes unha atención baseada na proximidade, na empatía e no respecto á súa dignidade.
O presidente provincial puxo especialmente en valor o labor dos profesionais de Enfermaría, aos que recoñeceu como “un exemplo de vocación de servizo, coñecemento científico e compromiso co benestar das persoas”.
Así mesmo, felicitou aos organizadores por promover desde Ourense un encontro que nace da investigación sanitaria e que busca mellorar a experiencia dos pacientes antes, durante e despois dunha intervención cirúrxica.
Menor salientou que a humanización dos coidados conecta tamén co compromiso da Deputación co benestar, a lonxevidade e a calidade de vida, especialmente nunha provincia marcada polo envellecemento e a dispersión territorial.
“Para un profesional sanitario, entrar nun quirófano pode formar parte da súa rutina. Para un paciente, pode ser un dos momentos máis importantes e difíciles da súa vida. Humanizar é non esquecer nunca esa diferenza”, concluíu.