Luis Menor destaca os beneficios do proxecto Ruagua como xerador de concellos máis “resilientes, sostibles e próximos”

Compartir

O presidente da Deputación de Ourense participou nunha xornada informativa en Valdeorras na que se deu conta dos avances desta ferramenta que impulsa a economía circular nos servizos integrais da auga

A Deputación participa neste programa a través do Consorcio de Augas de Valdeorras, AquaOurense e Cetaqua

Ourense, 29 de xaneiro de 2025.

O proxecto Ruagua, unha ferramenta de impulso á economía circular  nos servizos integrais da auga e no que participa a Deputación de Ourense a través do Consorcio de Augas de Valdeorras, AquaOurense e Cetaqua, avanza nos seus obxectivos co remate de varias instalacións de enerxía renovable en Valdeorras. O presidente provincial, Luis Menor, destacou nunha xornada informativa en A Rúa os beneficios deste programa para que os pequenos concellos sexan “máis resilentes, máis sostibles e máis próximos”.

Os técnicos de Ruagua explicaron os avances do programa, que busca garantir a dispoñibilidade de auga durante as épocas de seca e reducir o estrés hídrico na contorna de A Rúa. Neste sentido, Menor valora Ruagua como unha solución “innovadora” fronte a desafíos “sociais” como o cambio climático e o medio rural.

Por outra banda, o presidente da Deputación destacou a colaboración público-privada como “sinal de identidade” da institución ourensá, con iniciativas como Ruagua, na que interveñen varios organismos.

Os responsables do programa avaliaron o impacto do proxecto na comarca de Valdeorras, poñendo en valor os cambios de actitude e as sensibilizacións conseguidas na veciñanza en beneficio do medio ambiente.

En canto aos avances do proxecto, xa está rematada a instalación de placas solares e a instalación do sistema terciario de auga residual, así como o dispensador de auga. Neste sentido, a depuradora de augas residuais de A Rúa quedará transformada nunha estación rexeneradora de auga, dando un salto de calidade e avanzando nos requerimentos normativos en materia de reutilización de augas depuradas.

No balance do proxecto, os responsables subliñaron igualmente as numerosas actividades de cocreación postas en marcha coa cidadanía, para coñecer as súas necesidades e explicar os beneficios da iniciativa. Do mesmo xeito, Ruagua achegouse aos centros educativos, a través do impulso de hortas ecolóxicas nas escolas. 

Entre os beneficios do programa encóntranse aspectos clave para a Deputación de Ourense como son a xestión da auga, enerxía renovable, agricultura sostible, a prevención de incendios e a mellora da calidade de vida dos cidadáns.

Tres eixos

Ruagua conta cun enfoque circular baseado en tres eixos: xeración de auga rexenerada, uso de enerxía solar como fonte renovable e produción de compost a partir das augas residuais xeradas no contorno da EDAR. Máis aló da innovación tecnolóxica, é un proxecto fundamentalmente demostrativo da necesidade de fomentar un uso racional da auga, así como aumentar a resiliencia ante o cambio climático, poñendo en valor a posibilidade de aproveitar as augas residuais para a súa reutilización, coas debidas garantías sanitarias, para determinados usos.

O proxecto "Ruagua" foi un dos tres proxectos gañadores, dos 162 presentados de toda España, que obtivo unha dotación de 300.000 euros do Proxecto DEMOS de economía circular en comunidades rurais de menos de 5.000 habitantes.

Desenvolvemento sostible

O Proxecto DEMOS forma parte do Plan Allen da compañía IKEA -membro conselleiro de Cotec. O Plan Allen é unha iniciativa de IKEA para contribuír á recuperación da economía e a sociedade española. O seu principal obxectivo é crear emprego e promover a xeración dun desenvolvemento sostible. Ademais de Cotec, forman parte outras tres entidades como WWF, FADEMUR/FADEMUR e ASHOKA.