Luis Menor: “O Premio Antón Losada Diéguez é o xusto tributo de Galicia á vosa excelencia creadora”
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na entrega da 41ª edición deste certame, un dos máis prestixiosos das letras galegas, que este ano recoñece o traballo de Cynthia Menéndez e Carmen V. Valiña.
Na súa intervención, Menor puxo en valor a traxectoria deste premio que é “unha institución en si mesma” e o apoio real da Deputación desde o nacemento deste certame porque a cultura ocupa “un lugar prioritario na nosa folla de ruta”.
Boborás, 13 de xuño de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe en Boborás na entrega da 41ª edición do Premio Antón Losada Diéguez, un dos galardóns máis prestixios das letras galegas, que nesta ocasión recoñeceu o traballo de Cynthia Menéndez e Carmen V. Valiña. Un Premio que é o xusto tributo de Galicia á vosa excelencia creadora”, asegurou Menor na súa intervención.
O presidente provincial comprometeuse a seguir apoiando este certame porque a cultura ocupa “un lugar prioritario na nosa folla de ruta”. A colaboración da Deputación con este certame significa “protexer o noso legado”, así como dicirlle á veciñanza que “o que somos importa, e que o noso idioma é a nosa ferramenta máis potente”, sinalou Menor.
Tamén puxo en valor ademais, a traxectoria deste premio que logo de 41 edicións converteuse nunha “institución en si mesma” cumprindo unha dobre función: “premiando a excelencia do presente e mantendo vivo o legado dun ilustre ourensán que nos permite entender o que hoxe somos”.
Ao fío disto, Luis Menor destacou a pegada ourensá na historia da cultura galega con referentes como Antón Losada, quen xunto a outros ourensáns, foron “o motor clave” na creación da Xeración Nós, demostrando “o amor pola nosa lingua e a nosa terra a través dun proxecto moderno, universal e de vangarda”. Un patrimonio que desde as institucións debemos “conservar e poñer en valor”, sinalou Menor.
Cynthia Menéndez e Carmen V. Valiña: premiadas da 41ª edición
Cynthia Menéndez foi galardoada na modalidade de “creación literaria” por Son coma glaciares os barcos de aceiro, unha novela que segundo o xurado é unha “narración de alento lírico e esteticamente innovadora” como homenaxe á cultura industrial e obreira no naval de Vigo.
Mentres que Carmen V. Valiña resultou gañadora da modalidade de “ensaio e investigación” por As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo (1885-1936), de quen o xurado destacou a súa capacidade para combinar o rigor histórico cun estilo próximo á narrativa de ficción, ofrecendo unha análise crítica da realidade das mulleres internadas no sanatorio compostelán e abordando cuestións como a violencia machista ou a disidencia social.
O certame, impulsado polos concellos de Boborás e O Carballiño e coa colaboración da Deputación de Ourense, está dotado con 12.000 euros, 6.000 para cada unha das gañadoras.