Luis Menor participa na Gala Inaugural do 28º OUFF que prende os focos do cinema durante dez días en Ourense
Entregados os galardóns o venres 29 a Arturo Ripstein, Manuel Gutiérrez Aragón, Olga Osorio e Mariana Carballal durante a gala no Auditorio Municipal de Ourense
A estrea en Galicia de "El sueño de la sultana", de Isabel Herguera, puxo o ramo a unha gala dirixida polo cineasta Ángel de la Cruz
Ourense, 29 de setembro de 2023.- A Real Banda de Gaitas de Ourense abria na tardiña do venres 29 a Gala Inaugural da 28ª edición do OUFF, que marcaba o comezo dunha edición que durante dez días trae á cidade unha selección do cinema actual internacional e galego. Recibía os premiados e os convidados no exterior do Auditorio Municipal e o certo é que a música, con catro intervencións máis a cargo de Mercedes Peón, marcou o ritmo dunha gala, presentada por Ledicia Sola e Serxio Pazos, na que se entregaron catro galardóns: a Calpurnia de Honra Internacional ao director mexicano Arturo Ripstein, o Premio OUFF Especial a Manuel Gutiérrez Aragón, o Premio Chano Piñeiro á directora Olga Osorio e o Premio OUFF Ourense á actriz, docente e activista pola igualdade Mariana Carballal. Moitos rostros do mundo do cine, da cultura e das institucións participaron nunha gala titulada "Chuvia de estrelas" que, ademais, contou coa concorrencia da cidadanía ourensá. Adriana Domínguez, presidenta da Fundación Adolfo Domínguez, presentou no evento un avance do documental sobre o deseñador, un proxecto que conta co apoio Deputación de Ourense. Puxo o ramo da gala a proxección da película "El sueño de la sultana", estrea en Galicia, dirixida por Isabel Herguera e de coprodución galega, que acaba de estar presente na Sección Oficial do Festival de San Sebastian. O 28º OUFF desénvolvese ata o 8 de outubro.
O cineasta Angel de la Cruz, director de títulos como Los muertos van deprisa ou El sueño de una noche de San Juán, foi o responsable dunha gala que contou co director de arte ourensán Goyo Iglesias para a escenografía e ambientación. A imaxe do festival en 2023, presentada o pasado mes de agosto, está deseñada polo artista urbano nacido en Ourense, Mon Devane, un dos máis reputados do momento, que ideou un art toy, peza metade boneco metade escultura que representa un home ourensán con paraugas ao lombo e cámara en man. "O certo é que a imaxe deseñada por Mon Devane para esta edición do festival contén elementos que nos inspiraron para o desenvolvemento da gala. Esa tradición da terra de paragüeiros e afiadores, por unha parte, e ese elemento de modernidade que é a cámara de cine ", di o cineasta. Moitos paraugas sobre escenario da gala inaugural do OUFF no Auditorio Municipal de Ourense.
Ripstein, Gutiérrez Aragón, Osorio e Carballal, premiados na gala
O primeiro galardón da noite -os premios do OUFF son obra do escultor Manuel Buciños- foi o Premio Fundación AISGE para unha das actrices máis queridas por público e profesión en Galicia: Luisa Merelas. O premio foille entregado pola actriz e produtora Isabel Blanco, delegadada en Galicia da Fundación AISGE. Poucos minutos despois, Jacobo Sutil, director da AGADIC-Xunta de Galicia, entregaba o Premio Chano Piñeiro á cineasta Olga Osorio, cuxa primeira longametraxe ¡Salta! está nas carteleiras de toda España. "Cando era nenas soñar con ser cineasta era como soñar con ser astronauta", dixo ao recibir o premio.Outra galega, ben coñecida para a audiencia, Mariana Carballal, recibía o Premio OUFF Ourense das mans de Carmen Leyte, presidenta da Fundación Carlos Velo, entidade organizadora do OUFF e dedicou o galardón ao seu alumnado da Escola de Arte Dramática de Galicia e da Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo.
Na recta final da gala, dous cineastas de longa traxectoria subiron ao escenario do Auditorio Municipal de Ourense. Por unha banda, o director Manuel Gutiérrez Aragón recibía o Premio Especial OUFF 2023 "pola súa contribución á cinematografía española do último medio século, así como a súa sensibilidade literaria e ser un dos autores máis recoñecidos da súa xeración no plano internacional", da man do Presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor. De Gutiérrez Aragón o festival proxectará o sábado 30 a película "La vida que te espera", da que o director lembro que ,ainda que foi promocionada como rodada integramente en Cantabria, unha parte dela foi gravada en Galicia.
A Calpurnia de Honra Internacional, a última gran ovación da noite, ao considerado o mellor director mexicano contemporáneo, Arturo Ripstein, foi entregada polo Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices. O director mexicano falou do longo proceso de recuperación das imaxes de "Profundo Carmesí" para conseguir, por fin, a versión do director, cuxa estrea en España está programada para o sábado 30 no OUFF e desexando que resulte "inquedante, incómoda, incorrecta e divertida".
Adolfo Domínguez, un avance presentado por Adriana Domínguez
Outro regalo para o público da gala foi a proxección en primicia do teaser do documental sobre Adolfo Domínguez, patrocinado pola Deputación de Ourense e impulsado pola Fundación Adolfo Domínguez. O documental pretende descubrir aspectos inéditos na vida do deseñador, "entrar no personaxe e na persoa íntima". Con máis de 350 tendas en 22 países, Adolfo Domínguez converteuse nunha das marcas míticas da moda internacional, tras 47 anos no mercado e 40 anos despois de lanzar o lema "La arruga es bella". Este avance do documental foi presentado por Adriana Domínguez, presidenta executiva de Adolfo Domínguez que lembrou que "a nosa historia empresarial non podía terse desenvolvido noutro lugar que Galicia, Ourense e tamén a Ribeira Sacra, moi presente no documental".
Cando o desenvolevemento da gala chegaba a súa metade, o director do Ourense Film Festival, o crítico e profesor Miguel Anxo Fernández interveu ante o público para explicar a relevancia e calidade da programación que cada ano presenta o certame, coa aspiración de converterse no festival de referencia en Galicia. Tamén subliñou a capacidade que ten o audiovisual para dinamizar o territorio. O equipo do festival aproveitou a gala para render homenaxe ao ex presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, polo seu apoio ao OUFF lembrando que no ano 2018, ante o risco de desaparición do festival, a institución provincial asumiu a súa continuidade.
El sueño de la sultana
Coproducida por Abano Producións, empresa galega que conduce a produtora Chelo Loureiro, El sueño de la sultana, de Isabel Herguera, acaba de marcar un fito sendo o primeiro filme de animación europeo presente na Sección Oficial do Festival de Cine de San Sebastián. O público ourensán tivo a fortuna de poder asistir á súa estrea en Galicia como peche de luxo para a Gala Inaugural do OUFF 2023. Neste soño que presenta Herguera na que é a súa primeira longa, Inés, unha directora de animación española que está en Ahmedabad para romper co seu amante indio, entra nunha libraría onde descobre Sultana's Dream, de Rokeya Hossain, na que se fala dun país imaxinario gobernado por mulleres. A película está Inspirada polo conto de ciencia ficción feminista escrito en Bengala en 1905 pola pensadora, educadora, activista social e defensora dos dereitos da muller Rokeya Hussein.
O 28º OUFF, do 29 de setembro ao 8 de outubro, está organizado pola Fundación Carlos Velo co patrocinio principal da Deputación de Ourense. Son copatrocinadores a Xunta de Galicia, Abanca, La Región, Gadis e Hijos de Rivera.