Luis Menor pon en valor a cooperación institucional na visita ás obras do novo paseo do río Badella, en Bande
Así o explicou o presidente provincial durante o percorrido pola senda, realizada conxuntamente entre a Deputación e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil por un importe de 277.110 euros
Na visita as obras tamén acudiron o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, e a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, quenes ratificaron a importancia da colaboración institucional para sacar adiante proxectos
Ourense, 13 de marzo de 2024.- Logo de seis meses de traballos remataron as obras de prolongación do paseo pola marxe do río Badella, en Bande, coa construción dun sendeiro de 800 metros procedéndose tamén á limpeza do cauce e marxes do río. Estas actuacións tiveron un custe de 277.100 euros, sufragados conxuntamente pola Deputación (20%) e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (80%), e que contou tamén coa cesión dos terreos por parte do Concello de Bande.
O presidente provincial, Luis Menor; a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas; e o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, visitaron esta mañá o remate destes traballos. Menor recalcou que "a cooperación entre administracións é o camiño principal para que a provincia de Ourense medre e avance, como ben podemos ver neste novo paseo do Badella. Esta é a vía que nos piden os veciños".
O presidente provincial destacou que a obra "ten valores medioambientais e de mobilidade sostible e conforman unha realidade en materia de equipamento e servizo que dota de valor ao casco urbano, coa recuperación dunha zona natural non utilizada. A obra está feito con moito gusto e sensibilidade e respecto cara o lugar onde se atopa". De feito, sinalou que "na Deputación teremos sempre a man tendida para colaborar a prol de todo canto supoña que os municipios de Ourense melloren e valoricen o seu potencial". Por último, Menor felicitou á alcaldesa de Bande por acadar "unha obra que os seus veciños merecen e sen dúbida van a desfrutar".
Pola súa banda, a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, sinalou que "hoxe é un día moi feliz para todos os veciños, pois esta senda era algo moi demandado e supuña a ampliación da primeira fase, así como para poñer en valor o entorno natural do río Badella dun xeito máis sostible e saudable", agradecendo á Confederación Hidrográfica e á Deputación pola súa colaboración para lograr esta obra "da que todos en Bande nos sentimos moi orgullosos".