Luis Menor pon en valor o Festival Internacional de Allariz como un espazo no que “a natureza e a creatividade dialogan” desde hai XVI edicións

Compartir

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración desta nova edición que se desenvolve baixo o lema “Liberdade” onde paisaxistas de todo o mundo proxectan a súa creatividade en espazos que convidan a romper barreiras e conectar coa natureza

Allariz, 16 de maio de 2026.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración da XVI edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA) que nesta ocasión se desenvolve baixo o lema “Liberdade” para que paisaxistas de todo o mundo proxecten a súa creatividade en espazos que convidan a romper barreiras e conectar coa natureza.

Luis Menor puxo en valor o FIXA como un espazo no que a “natureza e a creatividade” dialogan convertendo a Allariz nun escaparate mundial do deseño paisaxístico e do respecto polo entorno. Un certame que mestura o talento internacional con propostas de proximidades, ofrecendo un itinerario que fará aos visitantes experimentar diferentes interpretacións creativas do concepto de liberdade.

Ao fío disto, o presidente provincial dixo que este recinto é unha mostra tamén de “liberdade de imaxinar, de transformar a paisaxe e de demostrar que as ideas non teñen fronteiras”. Polo tanto, lembrou que apoiar este certame desde a Deputación é apostar pola “economía local, o turismo sostible e a identidade dunha provincia que se sente orgullosa do seu patrimonio natural”.

O certame consolida a súa proxección exterior con proxectos chegados de catro continentes e un total de 56 propostas presentadas. Nesta ocasión, foron nove as propostas seleccionadas que a partir de hoxe poden visitarse no recinto.

A diversidade cultural é a nota dominante deste ano, con participación de profesionais procedentes de Sudáfrica, Países Baixos, Colombia, Chile, México, Austria, Italia e Portugal, ademais de representación de diversos puntos do Estado como Murcia, Barcelona, Madrid ou A Coruña.

O FIXA consolídase como o único festival destas características en todo o Estado, título que na Península Ibérica comparte unicamente coa localidade de Ponte de Lima, en Portugal.