Luis Menor pon en valor o legado cultural de Eduardo Blanco-Amor no Foro La Región
O presidente provincial, tamén en calidade de presidente da Fundación que leva o nome do escritor, presentou ao catedrático Emilio Peral Vega, que disertou sobre a novela "Los Miedos" do autor ourensán
Ourense, 20 de outubro de 2023.- O presidente da Deputación e presidente da Fundación Blanco-Amor, Luis Menor, participou hoxe no Foro La Región, presentando ao catedrático Emilio Peral Vega, autor da reedición crítica da novela "Los Miedos", de Blanco-Amor, por parte da editorial Cátedra.
Na sede de AFundación e na súa estrea no Foro, Luis Menor puxo en valor o legado cultural de Blanco Amor: "Ningún outro escritor fixo de Ourense e da súa peculiaridade materia de alta creación, como quen hoxe nos congrega, Eduardo Blanco Amor que foi un talentoso narrador, poeta e dramaturgo feito a si mesmo, autodidacta, cosmopolita e cunha dimensión hispánica forxada na cidade de Buenos Aires, onde viviu preto de corenta anos".
Asemade, o presidente provincial reiterou e ratificou "o compromiso do goberno provincial con Eduardo Blanco Amor e coa fundación pública que vela pola súa obra, que custodia o seu legado e que asumiu un compromiso fundamental para Ourense, para Galicia e para a literatura Hispánica".