Luis Menor pon en valor a vocación emprendedora e a resistencia do traballo autónomo na provincia de Ourense

Compartir

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración da segunda edición da xornada organizada por AEPA na Confederación Empresarial de Ourense

A provincia conta na actualidade -segundo os últimos datos publicados- con 22.224 profesionais por conta propia, tras lograr un incremento interanual do 0,3%, por riba da media galega 

Ourense, 28 de outubro de 2026.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración da II Xornada “Ourense Territorio Emprendedor”, organizada pola Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense (AEPA) na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO). 

Durante a súa intervención, Luis Menor salientou a vocación emprendedora que forma parte do “ADN colectivo” da provincia, vencellándoa á historia do primeiro autónomo ourensán “O Afiador” e destacando o arraigo territorial que tradicionalmente caracterizou aos profesionais ourensáns. 

Así mesmo, o presidente da Deputación de Ourense situou aos autónomos como un piar clave para a prestación de servizos básicos, a fixación de poboación e a xeración de actividade económica nas vilas e, especialmente, no rural ourensán.

Neste sentido, cabe destacar que a provincia de Ourense rexistra actualmente 22.224 traballadores e traballadoras autónomas que representan case o 11% de todo o traballo por conta propia de Galicia.

No último ano, o réxime de traballo por conta propia sumou 77 novos profesionais na provincia (un crecemento do 0,3 %, situándose por riba da media autonómica do 0,2 %). 

Unha xornada de formación e para estreitar lazos de colaboración 

A xornada “Ourense Territorio Emprendedor” desenvolve a súa programación arredor de cuestións técnicas como a ciberseguridade, a aplicación práctica da intelixencia artificial, a fiscalidade ou a divulgación de liñas de axudas dispoñibles. 

Do mesmo xeito, abordouse a relevancia do diálogo continuo coas asociacións representativas do tecido produtivo e o traballo de cooperación institucional para a identificación de oportunidades reais de negocio no territorio, orientar novos proxectos económicos e fortalecer o tecido profesional tanto nos núcleos urbanos coma no rural. 

No acto de inauguración da xornada tamén participaron a presidenta de AEPA, Ana Belén Fernández Valado; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Marta Vázquez; e o director territorial de ABANCA en Ourense, José María Jardón.