Luis Menor recibe a Alicia Babarro tras o seu bronce en breaking nos Xogos Olímpicos da Xuventude de Dakar

Compartir

A deportista ourensá coñecida como Mini Ali, que foi tres veces campioa de España sub-18 e actual campioa de España absoluta, disputará a próxima semana en París o seu primeiro Mundial absoluto

Ourense, 27 de novembro de 2026.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu a Alicia Babarro, coñecida como Mini Ali para felicitala pola medalla de bronce na proba feminina de breaking dos Xogos Olímpicos da Xuventude de Dakar 2026. A deportista ourensá clasificouse entre as oito mellores da competición e, tras enfrontarse nos cuartos de final á francesa Queen Lolita, acadou o terceiro posto na cita olímpica.

Babarro comezou a practicar breaking aos seis anos e forma parte do Club Deportivo Da Rúa. Proclamouse campioa de España sub-18 en 2023, 2024 e 2025, e este ano conquistou o título nacional na categoría absoluta.

A ourensá disputou tres mundiais xuvenís. En 2024 situouse entre as 32 mellores en Wuxi (China), en 2025 foi oitava no Porto (Portugal) e en 2026 acadou a cuarta posición en Chengdu (China). A próxima semana estrearase nun Campionato do Mundo absoluto en París (Francia).

Babarro é beneficiaria dunha das bolsas da Deputación de Ourense para deportistas individuais en 2026 e adestra no ximnasio do Pazo dos Deportes Paco Paz. A institución provincial tamén colabora co Club Deportivo Da Rúa no programa de breaking das escolas deportivas do Pazo e facilita ao club o uso de salas de adestramento seis horas semanais, repartidas en tres días.