Luis Menor recibe no Pazo Provincial á directiva nacional das administracións de loterías para coñecer a realidade do sector
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo hoxe no Pazo Provincial unha reunión coa directiva da Agrupación Nacional de Asociacións Provinciais de Administracións de Loterías (Anapal), representada polo seu presidente, Borja Muñíz, e polo vicepresidente da entidade, Jorge Anta
Ourense, 14 de maio de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo hoxe no Pazo Provincial unha reunión coa directiva da Agrupación Nacional de Asociacións Provinciais de Administracións de Loterías (Anapal), representada polo seu presidente, Borja Muñíz, e polo vicepresidente da entidade, Jorge Anta.
O encontro enmárcase na ronda de xuntanzas que o presidente provincial vén mantendo con representantes dos máis diversos colectivos e sectores con actividade na provincia, co obxectivo de coñecer de primeira man a súa realidade, as necesidades actuais e os retos aos que se enfrontan.
Durante a reunión abordáronse diferentes cuestións relacionadas coa actividade das administracións de loterías, así como o papel que desempeñan como pequenos negocios de proximidade, especialmente no ámbito local e rural.
Luis Menor destacou a importancia de manter un contacto permanente cos distintos colectivos profesionais e económicos da provincia, “escoitando as súas inquietudes e coñecendo as súas demandas para seguir fortalecendo a relación da institución provincial co tecido social e económico ourensán”.