Luis Menor recibe a unha delegación de Ucraína que estarán en Ourense coñecendo exemplos de boas prácticas de xestión pública dos fondos europeos

Compartir

O presidente da institución provincial, Luis Menor deulle a benvida no Pazo Provincial, aos representantes da rexión de Zakarpattia, que permanecerán na provincia ata o 2 de outubro no marco do programa europeo para reforzar as capacidades técnicas e administrativas dos municipios e rexións de Ucraína (amparado polo Comité Europeo de Rexións)

A iniciativa, xestionada polo Inorde, pon de manifesto a vocación e involucración de Ourense nos programas de cooperación e desenvolvemento da Unión Europea

Ourense, 22 de setembro de 2026.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu hoxe no Pazo Provincial a unha delegación de autoridades e responsables públicos da rexión de Zakarpattia (Ucraína), que visitan a provincia ata o vindeiro 2 de outubro no marco do programa europeo para reforzar as capacidades técnicas e administrativas dos municipios e rexións de Ucraína  (amparado polo Comité Europeo de Rexións) en colaboración con UA Lead.

A Deputación de Ourense foi seleccionada como entidade anfitrioa deste programa europeo, cuxa xestión e execución corre a cargo do Inorde. A delegación ucraína está integrada por oito representantes institucionais da rexión occidental de Zakarpattia e dos municipios de Dovhe, Kolochava e Yasinya. 

Durante a recepción, na que tamén participaron a xerente do Inorde, Emma González; e o deputado de Dinamización do Medio Rural, Xosé María Pérez Blecua, o presidente provincial asegurou que a participación neste proxecto demostra o compromiso desta institución  cos proxectos europeistas e cos programas de cooperación internacional. Do mesmo xeito, subliñou o papel de Ourense como un territorio acolledor e aberto ao intercambio de experiencias e boas prácticas no ámbito da administración pública. 

Transferencia de coñecemento e boas prácticas

Ao longo destas dúas semanas, os representantes ucraínos participarán nunha intensa axenda de traballo para coñecer de primeira man modelos de éxito desenvolvidos en Ourense e Galicia. A visita permitiralles coñecer proxectos centrados na xestión e captación de fondos europeos, modernización administrativa, resiliencia enerxética, protección ambiental, desenvolvemento territorial, turismo sostible e innovación social. 

O programa inclúe visitas institucionais e encontros de traballo en diversos puntos da provincia e de Galicia, entre os que figuran o GDR Adercou, o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, a Fundación Galicia Europa e o Parlamento de Galicia en Santiago de Compostela, o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), o Campus Auga da Universidade de Vigo e a feira Termatalia en Expourense, entre outros. 

Con esta iniciativa, a Deputación de Ourense busca non só capacitar aos responsables locais ucraínos de cara á futura reconstrución e achegamento do seu país á Unión Europea, senón tamén consolidar relacións institucionais estables e abrir novas vías de colaboración e cooperación territorial cara ao futuro.

Participantes na delegación de Ucraína en Ourense

A delegación do programa europeo TIPS4UA está integrada por Andriy Sheketa, primeiro vicepresidente do Consello Rexional de Zakarpattia; Taras Tryndyak, director do Departamento de Desenvolvemento Económico e Rexional da Administración Rexional de Zakarpattia; Pavlo Logvinov, xefe da Oficina Rexional de U-LEAD con Europa en Zakarpattia; os alcaldes Viktor Symkanych (Dovhe), Vasyl Khudynets (Kolochava) e Andrii Deliatynchuk (Yasinia); Antonina Pyshka, responsable de Proxectos do Concello de Kolochava; Vasyl Nimchuk, xefe do Departamento de Economía do Concello de Dovhe; e Stepan Kuvik, especialista principal de Cooperación Internacional e Proxectos de Inversión do Concello de Yasinia.