Luis Menor recoñece o labor dos fotoxornalistas como parte esencial da memoria de Ourense na inauguración da exposición “A Galicia inédita”

Compartir

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle a segunda edición desta mostra, que reúne 92 fotografías e conta coa participación de 11 profesionais da provincia

“Hoxe temos a oportunidade de mirar nós cara quen adoita estar detrás da cámara”, sinalou o presidente provincial, que agradeceu a profesionalidade e o trato próximo dos gráficos que cobren a actualidade ourensá

Ourense, 12 de novembro de 2026.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, inaugurou hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel a segunda edición de “A Galicia inédita: unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, unha exposición promovida pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) coa Asociación Profesional de Fotoxornalistas de Galicia (APFG). A mostra reúne 92 obras e conta coa participación de once profesionais da provincia de Ourense.

No acto participaron a presidenta da APG, María Méndez; o comisario da exposición, Fernando Blanco; e o fotoxornalista ourensán Brais Lorenzo. Tamén asistiron o presidente da APFG, Miguel Riopa, e o secretario xeral da APG, Lalo Pavón, xunto a autores e representantes dos medios de comunicación.

Na súa intervención, Luis Menor dedicou un recoñecemento próximo aos profesionais cos que coincide habitualmente na cobertura da actividade institucional e da actualidade da provincia. “Hoxe temos a oportunidade de facer unha pausa e mirar nós cara a quen adoita estar detrás da cámara”, afirmou, agradecendo a súa profesionalidade e o trato próximo co que desenvolven o seu traballo.

“Sodes unha presenza familiar na vida pública de Ourense e unha parte esencial da maneira en que a provincia se conta a si mesma”, sinalou o presidente provincial. Menor destacou que detrás de cada fotografía hai “preparación, experiencia, paciencia e criterio”, así como a responsabilidade de ofrecer á cidadanía imaxes que contribúan a comprender o que acontece ao seu arredor.

O presidente da Deputación puxo tamén en valor a relación cos profesionais da información, baseada na confianza do trato cotián e no respecto á súa independencia, e subliñou o valor cultural e documental do fotoxornalismo: “As imaxes que hoxe recollen a actualidade serán, co paso dos anos, parte da memoria de Ourense e de Galicia. Nelas quedarán os cambios das nosas vilas, os rostros da nosa xente, as preocupacións e as alegrías dunha época”.

Once miradas ourensás nun proxecto colectivo

A participación ourensá está integrada por Xesús Fariñas, coa fotografía “Aquapark”; Carlos Folgoso, con “Cambeo”; Moncho Fuentes, con “Don Miguel, 94 anos. Párroco en activo da igrexa Nosa Señora de Laxe-Vilasantar”; Santiago Amil, con “En formación”; Lucía Otero, con “Farrapo”; Miguel Ángel Piano, con “O abrente do teatro”; Martiño Pinal, con “O bispo de Laza”; Alejandro Camba, con “O campo en loita”; Rosa Veiga, con “O home do caxato”; Alán Pérez, con “Pueblo salva pueblo”; e Nacho Gómez, con “Xunguidos á Terra”.

Cada fotografía está acompañada dun texto de carácter literario elaborado por un profesional do xornalismo próximo á realidade que amosa a imaxe. A proposta establece así un diálogo entre fotografía e palabra, ofrecendo ao público novas posibilidades de interpretación.

A exposición permite descubrir escenas, persoas e detalles que puideron pasar inadvertidos no ritmo da actualidade. Unha parte das imaxes non tivo protagonismo informativo no seu momento, ou preséntase agora desde unha perspectiva diferente, coa intención de dar a coñecer o traballo dos fotógrafos de prensa e resaltar o seu papel na narración da vida cotiá de Galicia.

Unha iniciativa que medra na súa segunda edición

“A Galicia inédita” é unha iniciativa bienal cuxa primeira edición botou a andar en 2024 con 73 fotografías e outros tantos textos. Tras o seu paso por distintas cidades galegas, entre elas Ourense, e por Madrid, esta segunda convocatoria amplía a participación ata as 92 obras.

Luis Menor agradeceu ás entidades organizadoras, ao comisario e aos autores das fotografías e dos textos o seu traballo para facer posible a mostra. Así mesmo, convidou a cidadanía a achegarse ao Marcos Valcárcel para percorrer “esta Galicia inédita con curiosidade e sen présa”.