Luis Tosar recibe o premio "Ourense" do OUFF polos seus vinte anos no cine

Compartir

  • Manuel Baltar entregoulle o galardón no acto celebrado hoxe no Teatro Principal.

Ourense, 30 de novembro de 2018.- O actor Luis Tosar recibiu hoxe no Teatro Principal, de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o premio "Ourense" como homenaxe aos seus vinte anos como actor de cine, un recoñecemento que o Ourense Film Festival (OUFF) da a un dos grandes actores do cine español.

Tosar amosouse moi agradecido polo premio, sobre todo, porque como confesou, está "sentimentalmente moi unido a esta cidade". Remarcou que o Festival de Ourense é unha proba de que "resistimos e estamos aquí" nun momento de transformación do cine no que o futuro é incerto. Esta mañá, no encontro cos medios de comunicación no centro cultural "Marcos Valcárcel", o intérprete sentiuse gratamente sorprendido pola asistencia dun grupo de estudantes da ESO, que durante a xornada participan en varios actos para experimentar como é un festival de cine por dentro. Para Tosar, "é moi bonito comprobar que hai xente moi nova con ganas de ver cine e tamén de facelo".

O Premio Ourense súmase así a unha longa lista de galardóns que Tosar recibiu ao longo da súa carreira e nos que destacan tres "Goya", sete premios "Mestre Mateo", dous "Fotogramas de Plata", tres premios de la "Unión de Actores y Actrices", outros tres galardóns do "Círculo de Críticos Cinematográficos" e a "Espiga de Honor da Semana Internacional de Cine de Valladolid" (Seminci), entregada no 2017. A gala desta tarde no Teatro Principal completouse coa proxección de "A cambio de nada", dirixida por Daniel Guzmán e na que participa Luis Tosar.