Máis de 300 gaiteiros e cantareiras, na III Xuntanza Provincial de Bandas de Gaitas que coordina a Escola de Gaitas da Deputación de Ourense

Compartir

  • Terá lugar o día 4 de maio en Ribadavia cunha homenaxe ao "Gaiteiro de Francelos", Paulino Rodríguez Cuíña.

Máis de 300 gaiteiros e cantareiras daranse cita na III Xuntanza Provincial de Bandas de Gaitas, que organiza e coordina a Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense xunto co Concello de Ribadavia, que terá lugar o vindeiro 4 de maio en Ribadavia.

Esta cita "coa tradición, coa etnografía e coa música do instrumento senlleiro de Galicia", como a cualificou Xosé Lois Foxo, director da Escola Provincial de Gaitas e da Real Banda, xuntará a 14 agrupacións de gaiteiros e cantareiras, o que xunto á homenaxe que se lle tributará ao "Gaiteiro de Francelos", Paulino Rodríguez Cuíña, "amosa o pulo que se merecen as nosas tradicións e a nosa música, algo que temos a obriga de protexer, conservar e potenciar", afirmou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, no acto de presentación do evento, que tivo lugar no Pazo Provincial.

No acto participou tamén o asesor de Cultura da Deputación de Ourense, César Fernández, e o concelleiro de Cultura do Concello de Ribadavia, José Prieto. O programa de actos comezará o día 4 de maio cun desfile das agrupacións participantes na xuntanza ata a Praza Maior, onde terá lugar as actuacións. As bandas participantes son a de A Tarazana, Flariz-Monterrei, A Carballeira, Preparatorio, Devandoira de Lugo, As Portelas de Lubián a Real Banda Xuvenil e as bandas dos concellos de Riós, Xunqueira de Ambía, Verín, A Gudiña e Vilariño de Conso, e as cantareiras da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.