Máis de 8.800 alumnos de Ourense participan na 5ª Semana Escolar das Letras Galegas
- O intelectual ourensán Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey, será o protagonista desta edición, con actividades literarias ao redor da súa figura, cando se conmemoran os trinta anos do seu pasamento.
- O arquivo persoal de Ben-Cho-Shey, legado á Deputación de Ourense, está integrado por cinco mil cartas correspondentes a todas as décadas da súa vida, "unhas importante fonte documental para a investigación da primeira metade do século XX", afirma Manuel Baltar no limiar do libro Ben-Cho-Shey e a súa xeración, presentado hoxe.
Ourense, 10 de maio de 2018.- Un total de 8.881 alumnos e profesores de 66 centros educativos da provincia de Ourense participan este ano na 5ª Semana Escolar das Letras Galegas, unha a actividade organizada e promovida pola Deputación de Ourense para celebrar a semana das Letras Galegas. O obxectivo é pór en valor o noso idioma e a nosa historia, achegando aos alumnos a figura de ilustres intelectuais e autores ourensáns. Este ano o protagonista é Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey, e sobre a súa figura e obra desenvolveranse unha serie de actividades literarias, conmemorando os trinta anos do seu pasamento.
A Deputación de Ourense tomou esta efeméride para lembrar a importante traxectoria intelectual de Ben-Choy-Shey, a súa gran personalidade e o seu labor como xornalista, etnógrafo, historiador, autor literario e impulsor de moitas actividades culturais. Neste sentido, o goberno provincial determinou nomear 2018 "Ano de Ben-Cho-Shey" na provincia de Ourense.
O arquivo persoal de Ben-Cho-Shey, legado á Deputación de Ourense, está integrado por cinco mil cartas correspondentes a todas as décadas da súa vida, "unhas importante fonte documental para a investigación da primeira metade do século XX", afirma Manuel Baltar no limiar do libro Ben-Cho-Shey e a súa xeración, presentado hoxe. Trátase de artigos de xornais e revistas, fotografías, documentos políticos, cadernos de notas e os seus diarios persoais.
A presentación da 5ª Semana Escolar tivo lugar no Pazo Provincial, coa participación do deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o escritor e editor, Xosé A. Perozo, e a escritora Mercedes Pacheco, autora do manual Ben-Cho-Shey e a súa xeración, obra escrita e ilustrada para esta ocasión, na que xunto coas biografías de autores ourensáns figuran textos e obras dos mesmos.
Manuel Doval destacou a Ben-Cho-Shey como un "un intelectual e mestre defensor da nosa lingua e todo o que elo leva consigo de difusión da cultura do país", e salientou que a Deputación de Ourense "apoia a cultura e a educación como pedras angulares para a identidade e o progreso da sociedade". Pola súa banda, Perozo remarcou que esta quinta edición "amosa un ano máis a consolidación deste proxecto educativo que organiza a Deputación de Ourense ao redor das nosas letras", e a autora Mercedes Pacheco explicou que a antoloxía que se presenta aos escolares "ten a Ben-Cho-Shey coma a personaxe de maior peso, un intelectual cuxa figura merece se potenciada e máis recoñecida, e á que neste libro acompañan galardoados ourensáns das Letras Galegas como Cuevillas, Otero Pedrayo, Blanco Amor, Risco e Xocas".
Para a realización das actividades elaborouse un programa con propostas de traballo e editouse unha Guía do profesorado, con pautas para utilizar a antoloxía escrita por Mercedes Pacheco. O 16 de maio, día de remate da Semana, os alumnos participantes levarán a cabo nos seus centros educativos actos literarios ao redor da figura de Ben-Cho-Shey e dos intelectuais da súa xeración.