Manuel Baltar afirma que o Premio "Celanova, Casa dos Poetas" "é un referente da nosa cultura"
O presidente da Deputación participou hoxe na vila celanovesa no acto de entrega do galardón, que outorga a Fundación Curros Enríquez e que nesta edición foi concedido a Hijos de Rivera, "corporación que destaca pola divulgación e promoción da cultura galega", expresou Baltar.
Ourense, 3 de setembro de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense e patrón da Fundación "Curros Enríquez", Manuel Baltar, afirmou hoxe no acto de entrega do XXXIII Premio "Celanova, Casa dos Poetas" que o premio que anualmente outorga a Fundación "Curros Enriquez" "é un referente da nosa cultura". O presidente do goberno provincial dixo que o galardón, concedido este ano a Hijos de Rivera "quere destacar a esta corporación pola divulgación e promoción da cultura galega, presente sempre no seu labor empresarial".
"Celanovés e ourensán era quen nos congrega nesta casa, Manuel Curros Enríquez –expresou Manuel Baltar-, condición que pervive na obra do gran poeta Celso Emilio Ferreiro, a quen vimos de homenaxear", engadindo que "todo o que nos rodea e alenta neste acto ten o sinal da ourensanidade, algo que alcanza, tamén, á corporación galardoada; meus parabéns, propietaria, desde 2006, das Augas de Cabreiroá".
Baltar subliñou este "importante e histórico manancial", situado preto de Verín e declarado "mineiro medicinal" por Santiago Ramón y Cajal, en 1907, "orgullo desta provincia termal, un dos territorios de Europa e do mundo no que a auga acada categoría de sanadora", e destacou a data de 1906, "ano no que, como é sabido grazas a unha popular marca de cervexa da empresa galardoada, o pontés José María Rivera Corral, emigrante a Cuba primeiro, e logo a México, regresou á súa terra para instalar, na cidade da Coruña, unha fábrica de xeo e de cervexa que bautizou co afortunado nome de: "Estrella de Galicia".
Baltar destacou no seu discurso os conceptos expresados por Xosé Luis Méndez Ferrín para celebrar o feito de que o Premio "Celanova, Casa dos Poetas" lle fora concedido a Estrella de Galicia, afirmando que o ancoramento no seu país e o orgullo de ser galegos, no que se fundamenta a publicidade de Hijos de Rivera "é unha demostración de que o éxito é posible, mantendo unha imaxe corporativa de fidelidade á patria galega, e de respecto e amor polo seu idioma".
Previa á entrega do premio, tivo lugar unha ofrenda floral diante do monumento a Celso Emilio Ferreiro, con motivo do 38 aniversario de seu pasamento, para posteriormente, na Casa dos Poetas, desenvolver o acto de entrega do premio, que foi recibido polo director de Asuntos Corporativos de Hijos de Rivera, Antonio Viejo Puga. O acto contou tamén coa participación do presidente de fundación e alcalde de Celanova, José Luis Ferro; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez. O presidente da Deputación fixo entrega ao premiado dunha medalla de prata, obra do escultor Acisclo Manzano, tralo cal Antonio Viejo asinou no Libro de Honra da fundación. A parte musical do acto contou coa actuación do quinteto de vento Hércules Brass.