Manuel Baltar afirma que os "Balcóns de Madrid" son "a postal de referencia e a imaxe característica da Ribeira Sacra"

Compartir

  • No acto de apoio para que este miradoiro sexa declarado o "Mellor rincón de España", o presidente da Deputación de Ourense definiuno como o lugar "onde se pode admirar a riqueza da natureza e a enerxía da nosa historia, un sitio onde converxen tranquilidade e grandiosidade".

  • A candidatura deste enclave da Ribeira Sacra, polo que se pode votar a través da web da Deputación de Ourense, duplicou na última semana os votos recibidos.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirmou hoxe en Parada de Sil, no acto de apoio á candidatura dos "Balcóns de Madrid" como "Mellor rincón de España 2014", que este miradoiro "é a postal de referencia e a imaxe característica da Ribeira Sacra, un lugar dende o que se pode admirar a riqueza da natureza e a enerxía da nosa historia, en definitiva, un sitio onde converxen tranquilidade e grandiosidade: a capital do Patrimonio da Humanidade".

Baltar subliñou "o apoio decidido" que a Deputación de Ourense está a dar a esta candidatura "pois os Balcóns de Madrid son unha traza de identidade da nosa Ribeira Sacra, un territorio que estamos a promocionar difundindo a súa riqueza paisaxística, patrimonial, cultural e natural para que acade o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco". Neste senso, a páxina web da deputación dispón dun enlace para que os internautas que o desexen poidan votar ata o 8 de xullo pola candidatura dos "Balcóns de Madrid" "para que logre o recoñecemento que se merece pola súa orixinalidade e a súa fermosa contorna", explicou o presidente provincial.

Nesta última semana, a candidatura dos "Balcóns de Madrid" duplicou case o número de votos recibidos, situándose no posto 10º, de 17 totais, e a penas lle queda subir dous postos máis para pasar o corte e situarse na final.

Os "Balcóns de Madrid" foi elixido xa pola Guía Repsol como representantes de Galicia para optar ao premio "O mellor rincón 2014" de entre 108 propostas de diferentes paraxes galegos e de 1.034 candidaturas de toda España, votadas polos viaxeiros.

O 16 de setembro proclamarase o "rincón gañador", que será a paraxe que máis apoio teña recibido dos internautas, a cal recibirá o correspondente recoñecemento por parte da Guía Repsol creando contidos exclusivos deste emprazamento no portal Guiarepsol.com.

A Guía Repsol define aos "Balcóns de Madrid" como un lugar "singular e de excelencia" na Ribeira Sacra, destacando que pouco antes de morrer no Miño, "o río Sil, salpicado de mosteiros medievais, atravesa un inmenso canón cunha profundidade de ata 300 metros. Aquí se atopa –explica a guía- un dos mellores miradoiros da Ribeira Sacra, os "Balcóns de Madrid", coñecido con ese nome porque era o lugar escollido polas mulleres para ver marchar aos seus maridos emigrantes, moitos dos cales eran barquilleiros que ían ás verbenas de Madrid, o que explica que este concello ourensán teña un monumento ao Barquilleiro.