Manuel Baltar analiza coa presidenta da sección de Vilas Termais da FEMP temas de lexislación e proxectos sobre termalismo
Ourense, 22 de outubro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe á presidente da sección de Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Regina Polín, con quen analizou temas referidos a regulación e lexislación en materia de termalismo, así como proxectos no ámbito da saúde e o turismo, vinculados ás actividades mineiro-medicinais. Na reunión, que tivo lugar no Pazo Provincial, na que estiveron asesorados por Mario Crecente e Francisco Caamaño, Manuel Baltar comentou o impulso que suporá para os territorios termais de Europa a recente instauración do 12 de outubro como "Día europeo do patrimonio termal", que abrirá novas canles internacionais ao turismo de natureza e saúde".
Baltar, que é vicepresidente da Asociación de Cidades Termais Históricas de Europa (EHTTA), agradeceu a Regina Polín "a colaboración e o traballo constante que demostra na defensa dos territorios termais e das peculiaridades da realidade termal, un ámbito no que a provincia de Ourense lidera, por recursos e iniciativas como o Plan "Ourense, a provincia termal", o impulso innovador dun sector en pleno crecemento, chamado a ser de grande competitividade e atracción turística na nosa provincia, e para o cal a chegada da alta velocidade suporá un significado revulsivo", afirmou o presidente da Deputación.