Manuel Baltar asumirá a presidencia do Inorde trala renuncia de Freire Couto

Compartir

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asumirá a finais do presente mes de maio a presidencia do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) logo da renuncia presentada hoxe polo titular deste organismo económico, José Manuel Freire Couto, trala reunión que mantivo co presidente provincial. O trámite farase efectivo no vindeiro pleno da corporación provincial, que se celebrará o 31 de maio, no cal Manuel Baltar asumirá a presidencia do Inorde sen percibir remuneración por elo.

Esta decisión forma parte da reestruturación que Manuel Baltar está a levar a cabo desde a súa chegada á presidencia da Deputación de Ourense –en febreiro de 2012- co obxectivo de redimensionar a xestión e os servizos do ente provincial, unha reorganización contemplada no Plan de xestión e estratexia operativa OURENSE 92.

Manuel Baltar, quen agradeceu a Freire Couto o seu labor ao longo destes anos ao fronte do Inorde, asume a presidencia do organismo co obxectivo de impulsar novos proxectos dirixidos a favorecer a reactivación económica dos concellos da provincia de Ourense e a competitividade das empresas ourensás. Trala aprobación das contas o pasado mes de abril, e da elaboración do Plan de actuacións para 2013, o Inorde inicia unha nova etapa que abrangue unha reorganización administrativa e de competencias para fortalecer o traballo que este ente ven facendo a prol da provincia de Ourense.

 

Ourense, 16 de maio de 2013.