Manuel Baltar avoga por promover desde a Deputación iniciativas que impulsen o protagonismo feminino no audiovisual
• No Pazo Provincial recibiu a unha representación da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA), cuxa presidenta, Chelo Loureiro, fíxolle entrega dun estudo único en España sobre o rol feminino
• Dentro da programación do Festival Internacional de Cine entregou no Teatro Principal a Calpurnia de Honra 2021 ao director, guionista e escritor Gonzalo Suárez como homenaxe á súa longa traxectoria
Ourense, 27 de setembro de 2021.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, recibiu esta tarde no Pazo Provincial a unha representación da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA), cuxa presidenta, Chelo Loureiro, fíxolle entrega dun exemplar do estudo A representatividade e a representación das Mulleres no Audiovisual Gallego. Ficción 2020, presentado hoxe no marco do Ourense Film Festival e que revela interesantes datos sobre o rol feminino na industria audiovisual. Logo de coñecer as principais conclusións deste estudo, Manuel Baltar eloxiou o traballo realizado polo equipo da CIMA, "pois non existe ningunha análise destas características, o que lle converte nun caso único en España", avogando por promover desde a Deputación unha alianza "que sirva para dar protagonismo feminino a todas as etapas da produción audiovisual".
Con posterioridade, o presidente provincial trasladouse ao Teatro Principal, onde se celebrou o acto de entrega da Calpurnia de Honra 2021 ao director, guionista e escritor Gonzalo Suárez como homenaxe á súa longa traxectoria, sendo esta a primeira vez que o cineasta asturiano visita Ourense, cidade que cualificou como "moi cinematográfica".
"Como presidente da Deputación é un orgullo entregar esta distinción –dixo Manuel Baltar- pero máis aínda como presidente da Fundación Eduardo Blanco Amor, o noso escritor que naceu na mesma rúa onde se atopa o Teatro Principal –rúa da Paz- e autor de A Esmorga, que Gonzalo Suárez levou ao cine en 1977 baixo o título Parranda.