Manuel Baltar defende a Ourense como "un territorio de innovación e ideas de éxito, que nos caracteriza como terra emprendedora"

Compartir

  • O presidente da Deputación destacou no acto de entrega dos V Premios de Investigación do Colexio de Economistas-Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo "a capacidade creativa da nosa provincia e a cooperación nos diferentes ámbitos, que teñen no Campus de Ourense a súa forza motora".

  • Con esta edición de 2017 van xa cinco edicións nos que a Deputación de Ourense colabora na publicación dos traballos de Fin de Grao premiados, este ano referidos á vivenda, aloxamento hoteleiro, control de xestión, marca "Q" de calidade turística e competencia.

Ourense, 21 de novembro de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na entrega dos V Premios de Investigación do Colexio de Economistas de Ourense – Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo de Ourense, un acto no que defendeu a Ourense como "un territorio de innovación e ideas de éxito, que nos caracteriza como terra emprendedora", destacando a capacidade creativa da nosa provincia e a cooperación nos diferentes ámbitos, público, privado e académico, que teñen no Campus de Ourense a súa forza motora".

No acto, que tivo lugar na Aula Magna "José Ángel Valente" da FCETOU, participaron tamén a decana da facultade, Elena Rivo; o decano do Colexio de Economistas, Guillermo Díez, e o conselleiro delegado de UNVI, Eloy Pérez, quen ofreceu un relatorio sobre a traxectoria e a experiencia de éxito da súa empresa familiar.

Na clausura do acto, o presidente do goberno provincial expresou aos alumnos da facultade "a relevancia das empresas punteiras que temos na provincia de Ourense, por iso, falar de economía é importante, pero máis aínda o é falar das persoas, dos emprendedores que fixeron e fan posible que proxectos de éxito empresarial ideados, desenvolvidos e impulsados desde Ourense sexan unha realidade en moitas partes do mundo". Manuel Baltar citou exemplos de cooperación como o que mantén a Deputación coa CEO no marco do Plan Exportou para colaborar na internacionalización de empresas ourensás, e tamén remarcou a importancia de contar co Observatorio Económico Ourensán e co Inorde, "instrumentos de apoio e guía para ao emprendemento e o desenvolvemento empresarial na nosa provincia".

O presidente rematou afirmando que a Deputación "estará sempre ao carón de propostas que redunden no beneficio de Ourense" e animou aos alumnos a seguir "no camiño da investigación, o traballo e a creatividade".

Como colofón ao acto tivo lugar a entrega dos galardóns de Fin de Grao, unha convocatoria na que colabora anualmente a Deputación de Ourense e que este ano premiou traballos referidos á vivenda, aloxamento hoteleiro, control de xestión, marca "Q" de calidade turística e competencia.

O primeiro premio no Grao en ADE foi para Iván Míguez Álvarez polo traballo "Factores determinantes do prezo da vivenda da cidade de Ourense", e os accésit neste grao foi para Estefanía Hermida Hermida por "Jefes de servicio y sistemas de control de gestión", e para María Teresa Cid Morales por "La colusión y los acuerdos horizontales". No que atinxe ao Grao en Turismo o primeiro premio foi para Andrea García González por "Estudio sobre la aplicación del Capital Intelectual en las empresas de alojamiento hotelero de alta categoría en Galicia", e o accésit para Sofía Díaz Caride por "La imagen de la marca "Q" de calidad turística".