Manuel Baltar defende unha administración moderna, eficaz e de calidade "que pense máis en clave cidadá que institucional"
As conclusións da "Xornada de debate sobre o futuro das provincias" coinciden na necesidade de reforzar o valor institucional dos gobernos locais intermedios para seguir garantindo e potenciando os servizos nos pequenos concellos.
O presidente da Deputación de Ourense reivindicou o papel das provincias e das deputacións como elementos fundamentais na arquitectura administrativa.
Baltar anunciou que a Deputación de Ourense porá en marcha, en colaboración coas outras deputacións e coa Xunta, o "Centro de Estudos Locais de Galicia".
"As administracións deben modernizarse, ser máis eficaces e ofrecer maior calidade nos servizos, e para iso debemos pensar máis en clave cidadán que institucional", así o afirmou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na "Xornada de debate sobre o futuro das provincias", que se celebrou no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense.
Na xornada, enmarcada dentro do "Plan Ourense 92", no que se detallan as accións da Deputación de Ourense para o período 2012-2015, Manuel Baltar anunciou que esta iniciativa "é o embrión dun novo proxecto que pilotará o goberno provincial de Ourense, en colaboración coas outras deputacións e da Xunta de Galicia, como é a posta en marcha do Centro de Estudos Locais de Galicia".
O acto congregou a unhas 200 persoas, entre técnicos, políticos, cargos institucionais e público en xeral, ao redor dun tema de tanta actualidade como é o novo deseño e restruturación da arquitectura administrativa que se está a plantexar na opinión pública no que atinxe ás provincias e os gobernos locais intermedios. A principal conclusión da xornada, na que coincidiron todos os relatores, é na necesidade de reforzar o valor institucional das deputacións e dos gobernos locais intermedios para seguir garantindo e potenciando os servizos nos pequenos concellos.
"Non estamos aquí para falar en clave institucional, senón que temos que debater para as persoas: humanizar a administración, entendendo por iso facela máis sinxela e máis achegada ao cidadáns, pero aumentando a eficacia e a calidade, porque cunha administración ben dimensionada é posible facer máis con menos", dixo Manuel Baltar.
O presidente provincial afirmou que hoxe máis ca nunca "hai que priorizar as prioridades", e para elo abogou por evitar duplicidades e xestionar ben o diñeiro público "e que os cidadáns perciban iso e saiban que, efectivamente, o que pagan cos seus impostos emprégase con eficiencia e racionalidade", explicou.
Pola súa banda, Rafael Jiménez Asensio, director da Fundación Democracia e Goberno Local, presentou o "Libro verde dos gobernos locais intermedios en España", facendo unha análise comparada sobre os precedentes históricos das deputacións e o sistema actual, e abordardando a situación dos gobernos intermedios na Unión Europea e as competencias e financiamento das provincias.
"O libro verde –explicou Jiménez Asensio- propón que as deputacións provinciais dispoñan dun fondo de competencias propias, non so funcionais de asistencia e cooperación aos municipios, senón tamén prestadoras de servizos, por razóns de escala, argumentación que está actualmente en debate e que está sendo analizada polo Goberno".
Na mesa redonda posterior debateuse sobre "O futuro das deputacións e a reforma da planta local", na que participaron Antonio Xavier Ferreira, doutor en Dereito; Enrique José Varela, doutor en Ciencia Política e da Administración; Francisco Cacharro, secretario xeral da Deputación de Ourense; Rafael Jiménez, doutor en dereito; e Sonia Rodríguez-Campos, doutora en Dereito.
O debate suscitado trala proposta realizada días pasados en Santiago por Manuel Baltar sobre a necesidade de revisar a "arquitectura, competencias, xestión e financiamento das administracións" converteu a esta xornada nun punto de encontro para un tema de actualidade como é analizar os novos modelos que permitan aumentar a eficacia na xestión dos entes administrativos.
A modernización e adaptación dos gobernos locais intermedios pasa por unha triple reforma, que lles permitirá gañar en proximidade ao cidadán e ser máis operativos; reformas que pasarían polo sistema de elección, polo ámbito competencial e polo financiamento. Unha afirmación na que se aboga por destacar a constitucionalidade da provincia e do seu goberno, e, como propuxo Baltar, "que este sexa elixido directamente polos cidadáns como asi se fai xa nas eleccións autonómicas, xerais e locais".
O obxectivo da xornada era debater acerca de cómo se pode simplificar e facer máis eficaz a organización dos servizos públicos, en particular en relación aos gobernos locais, e sinaladamente os gobernos intermedios como as deputacións, tendo en conta que o seu papel na actual estrutura do Estado atópase demasiado indefinido. Asemade, analizouse o papel dos gobernos intermediarios locais no noso país en relación co contexto europeo, en consonancia cunha visión prospectiva sobre o papel que teñen estas institucións no estado autonómico, e revisáronse os principios e as medidas tomadas polas administracións no exercicio do servizo público e o labor que realizan para satisfacer ao máximo as necesidades e dotar de maior eficacia e eficiencia os recursos públicos.
A "cooperación" e "os servizos" centraron boa parte do debate da xornada. Neste senso, os relatores abogaron polo desenvolvemento das deputacións, establecendo un modelo de cooperación local que axude a redimensionar as tarefas dos concellos e demais entes locais, o que Manuel Baltar definiu como "fusión de facto" na prestación de servizos, porque as deputacións, os cabildos e os consellos insulares son o eixo vertebrador da intermunicipalidade, "e son os que garanten a permanencia da poboación nos pequenos municipios pequenos, un instrumento fundamental para a modernización dos concellos con poucos recursos", dixo o presidente provincial.
O acto de clausura contou coa presenza do conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; da deputada provincial pontevedresa Marta Iglesias, e dos presidentes das deputación de A Coruña, Diego Calvo, e de Ourense, Manuel Baltar. A xornada foi transmitida integramente a través de Internet desde a páxina web da Deputación de Ourense.