Manuel Baltar destaca na súa visita a San Cibrao de Lás "o protagonismo da nosa identidade como pobo"

Compartir

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe na súa visita o parque arqueolóxico de San Cibrao de Lás (situado entre os concellos de San Amaro e Punxín) que o máis importante desta recuperada infraestrutura cultural "é a nosa identidade como pobo", algo que reflicte este centro -incluído na Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico-, e no que se investiron 10 millóns de euros para convertelo nun revulsivo para investigadores e turistas, e que permitirá situar a Galicia como referente peninsular da cultura castrexa.

Na súa visita, Manuel Baltar acompañou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; ao conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, e aos alcalde de San Amaro e Punxín. Na súa intervención, Feijóo destacou o traballo realizado pola Xunta para a posta en valor desta construción castrexa que xa foi obxecto da atención de investigadores hai case un século: nos anos 1922 e 1925, por parte de Florentino López Cuevillas; en 1948-1949 por parte de Xaquín Lorenzo Fernández, na década dos 80-90, con actuacións baixo o amparo do Museo Arqueolóxico de Ourense, e con escavacións en datas máis recentes. Nos últimos anos, o goberno galego decidiu darlle un novo pulo a este xacemento, desenvolvendo diversas actuacións encamiñadas á súa recuperación, protección e conservación; facilitando o seu estudo por parte dos investigadores; e favorecendo a súa visita, para facer extensivo o seu coñecemento a todos os públicos.

Construíuse un Centro de Interpretación, proxecto dos arquitectos Carlos Martínez González, Carmen Ruiz Alarcón e Ángeles Santos Vázquez, que dispón de máis de 3.000 metros construídos, alberga unha exposición permanente da cultura castrexa, permite a realización de exposicións temporais e conta con aulas didácticas, espazo para traballo dos arqueólogos e zonas de investigación e documentación. Un centro cuxa dirección técnica a Xunta acaba de atribuír ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, a través da sinatura dun acordo, que tamén prevé o traslado de pezas arqueolóxicas deste museo a San Cibrao de Lás, aínda que ditas pezas continuarán adscritas ao Museo Provincial.

Xunto co centro de Interpretación, tamén se creou un circuíto de visita para posibilitar o acceso ao elemento máis valioso do parque: o xacemento arqueolóxico. Algo que, segundo lembrou Feijóo, permite complementar os coñecementos que o visitante adquire no Centro de Interpretación e favorecer o descubrimento in situ dun dos maiores poboados castrexos de Galicia.

O presidente da Xunta incidiu en que se trata dun "tesouro arqueolóxico" que o Goberno galego impulsou para que sexa "coñecido e aproveitado por todos". Por unha banda, polos investigadores, ao converter San Cibrao de Lás nun centro de coñecemento e estudo da herdanza castrexa de referencia obrigada para os especialistas da Península. E, por outra, polos cidadáns, xa que o perímetro amurallado e a conformación interna das estruturas de habitación permiten ao visitante unha boa comprensión do xacemento.

"San Cibrao de Lás revélase, pois, como revulsivo para os investigadores", como motor dinamizador de estudo, documentación, coñecemento e difusión da cultura castrexa; pero tamén como "revulsivo turístico", dixo Feijóo, argumentando que o centro será capaz de atraer visitantes de diferentes puntos da xeografía que desexen coñecer dunha forma didáctica a riqueza da nosa terra, situando o patrimonio artístico galego como excelente dinamizador –xunto co termalismo ou a enogastronomía- desta comarca, da provincia de Ourense e de Galicia enteira.