Manuel Baltar destaca na VIII Festa do Cordeiro "a importancia gastronómica e turística da provincia de Ourense"

Compartir

Ourense, 2 de setembro de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asistiu hoxe á tradicional "Festa do Cordeiro", en Chandrexa de Queixa, que celebra este ano a súa oitava edición. Con diferentes actividades desenvolvidas ao longo de toda a xornada, esta cita gastronómica, unha das principais das que se celebran na provincia de Ourense, tivo lugar no recinto do colexio público de Celeiros, en Chandrexa, con degustacións de cordeiro ao espeto e un xantar popular.

Manuel Baltar, quen participou no evento xunto co alcalde de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez, e veciños e visitantes da contorna, destacou a "riqueza e variedade gastronómica das diferentes comarcas das provincia de Ourense, todas con produtos de alta calidade", e afirmou que a Festa do Cordeiro "consolídase ano tras ano como un referente social, lúdico e gastronómico no oriente ourensá, un territorio caracterizado polo seu potencial turístico e natural, que conta nesta contorna coa única estación de montaña no noroeste peninsular, Cabeza de Manzaneda, a cal apoia a Deputación de Ourense para o desenvolvemento turístico desta fermosa zona da nosa provincia".