Manuel Baltar destaca no acto da CEO de homenaxe a cinco empresarios "o seu exemplo de compromiso coa terra e de orgullo de pertenza á Ourensanía"
- O presidente da Deputación de Ourense dixo no seu discurso de clausura do acto que os homenaxeados: Concepción Amorín, Mario Dacosta, Lito Seoane, Manuel Álvarez e Antonio Piña, "son espellos de comportamento profesional e de valores personais que non saben o que é a palabra xubilación", destacando "a súa humanidade, porque as empresas son máis que números: hai cabeza e corazón".
Ourense, 22 de novembro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe, no acto de homenaxe organizado pola CEO aos empresarios: Concepción Amorín (de Arreglos Amorín), Mario Dacosta (Grupo Hispamoldes), Lito Seoane (Lito Seoane Peluqueros), Manuel Álvarez (Álvarez Quintela Ingeniería Mecánica) e Antonio Piña (Grupo Anpian), o exemplo que representan estes empresarios "de compromiso coa terra e de orgullo de pertenza á Ourensanía". No seu discurso de clausura, Baltar salientou: "Son cinco espellos de comportamento profesional e de valores persoais que non saben o que é a palabra xubilación", remarcando a súa humanidade, porque as empresas son máis que números: hai cabeza e corazón".
O acto, celebrado no restaurante A Carballeira de Santa Cruz de Arrabaldo, contou, ademais do presidente do goberno provincial, co conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde; coa presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), Marisol Novoa, e con representantes institucionais, sociais e do tecido empresarial, coa finalidade de conmemorar o percorrido e o labor humano e empresarial desenvolvido por estes cinco empresarios, vinculados desde fai décadas ao empresariado ourensán, así como a súa aposta polo emprendemento na nosa provincia.
Manuel Baltar afirmou que todo empresario "ten unha visión, asume riscos, ten un obxectivo, e sabe que non o pode conseguir só. Velaí a importancia da unidade en todos os ámbitos: na empresa, na política, na vida. Sumar é multiplicar. Ese é un dos grandes legados que nos entregan estes cinco homenaxeados hoxe. O valor da constancia, o sacrificio e a planificación".
"Son cinco espellos de comportamento profesional e de valores persoais que non saben o que é a palabra xubilación", dixo Baltar, lembrando de Antonio Piña que comunicou hai case 60 anos Santiago con París, "o primeiro servizo internacional de Galicia. Grazas por continuar facendo das rodas un factor de desenvolvemento, a semellanza do símbolo máis importante da nosa identidade: o afiador". A Concepción Amorín agradeceulle que "cosese a nosa historia", e de Manuel Álvarez salientou o seu comportamento "sempre intachable", afirmando de Lito Seoane que o seu nome "brilla con luz propia na historia da perruquería", e de Mario Dacosta dixo que "sempre está a disposición do colectivo empresarial, e coa internacionalización por bandeira. É un modelo de nobreza e altura de miras".
Manuel Baltar felicitou a todos en nome do goberno provincial, deste Ourense que celebrará en 2020 a aparición do primeiro número da Revista Nós, que da nome a toda unha xeneración clave no pensamento galeguista. Un pensamento vencellado ás entrañas de Ourense. Un pensamento que engade alma a esta empresa da que todos formamos parte e a quen todos estamos obrigados a defender coa mellor versión de nós mesmos".
O presidente da Deputación destacou que o empresariado "conta no goberno provincial de Ourense cun aliado de seu. Velaí a colaboración anual e crecente coa CEO para proxectos de interese provincial. Un empresariado que constitúe o motor económico da provincia e que precisa administracións públicas solventes que lideren o territorio, indo da man do seu tecido produtivo. Esas son cuestións que desde a Deputación temos absolutamente claro, e en meses veremos un exemplo importante como o Centro Galego de Innovación na Formación Profesional, que, a iniciativa do goberno provincial, construímos conxuntamente coa Xunta de Galicia".
Tamén se referiu Baltar á alianza que a Deputación de Ourense mantén co Polígono de San Cibrao, "un empresariado que precisa da cooperación máxima entre administracións e da colaboración público privada. Ese empresariado co que debemos traballar conxuntamente, e que sabe que a Deputación ten a mellor disposición para tentar recuperar entidades tan importantes como a Cámara de Comercio e Industria de Ourense. Unha provincia que non pode permitirse o luxo -remarcou Baltar- de prescindir de actores senlleiros na nosa economía".
O presidente da Deputación salientou que a historia dos cinco homenaxeados de hoxe "é unha historia de éxito labrado a pulso. Seguro que tamén de pequenos fracasos que os fixeron máis fortes. Ven moi acaída a frase de Nelson Mandela: "Eu nunca perdo. Ou gaño ou aprendo." A súa historia está feita a base de erguerse cada mañá pensando en construír. Nunca falar mal da empresa e sempre aportar e propoñer, unha ensinanza transmitida a todas as persoas que colaboraron con eles".