Manuel Baltar destaca o "carácter diferenciador do termalismo para a provincia de Ourense, un factor que debemos seguir potenciando"

Compartir

  • O presidente da Deputación de Ourense participou hoxe na presentación da 19ª edición de Termatalia, feira da que, dixo, "sitúa novamente a Ourense no epicentro do termalismo mundial".

  • O certame conta este ano con 34 países representados, 269 expositores e 26 touroperadores, con masiva presenza de América Latina e de Europa, e incorporando tamén ao Norte de África e Asia-Pacífico.

Ourense, 16 de setembro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe no acto de presentación da 19ª edición de Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, o "carácter diferenciador" que o termalismo ten para a provincia de Ourense, "un factor que debemos seguir potenciando e apoiando".

Na rolda de prensa de presentación, celebrada esta mañá en Expourense, Baltar comentou que esta é "a imaxe da cooperación entre administracións públicas", agradecendo a presenza no acto de Nava Castro, directora da Axencia Galega de Turismo, e de Flora Moure, concelleira de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense, e o labor organizativo e de coordinación de Emma González, directora de Termatalia. "Esta edición situará novamente a Ourense como epicentro do termalismo, con esta feira, a única do mundo referida a este importante sector económico, organizada desde esta cidade e esta provincia", dixo Baltar.

O presidente do goberno provincial expresou tamén na súa condición de presidente do comité asesor de Termatalia, que é un motivo de satisfacción "contemplar a destacada participación coa que conta este ano a feira, con 34 países representados, o que fala do bo traballo realizado, dun certame plenamente consolidado e dunha marca, Termatalia, con prestixio no mundo, e que sitúa a Ourense, á provincia termal, con esa forza e posicionamento que caracteriza a todas as administracións que cremos no termalismo como eixo estratéxico de desenvolvemento do noso territorio". "Así o consideramos -dixo- desde a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia poñendo en marcha o plan "Ourense, a provincia termal", que durante estes anos ten sido un exemplo de cooperación entre vilas termais e concellos da provincia de Ourense e tamén co sector privado dos balnearios", destacando iniciativas como o programa de "Termalismo social" ou o acordo co Ministerio de Fomento, a través de Renfe, no programa "Tren balnearios".

Manuel Baltar remarcou a importancia do posicionamento de Ourense no ámbito termal internacional, que se verá reforzado no vindeiro mes de outubro coa súa elección como presidente da asociación europea de cidades históricas termais, que representa a 51 espazos termais de Europa de 17 nacións, a organización pública máis importante en materia de termalismo. "Todos os esforzos que fagamos en visibilizar o noso territorio e, neste caso, en poñer en valor unha feira como Termatalia, serán esforzos en favor de Ourense e a prol de potenciar o que nos diferencia de calquera outro territorio de Europa, e nesa labor sempre estará o goberno provincial de Ourense", afirmou Baltar.

Termatalia conta este ano con 34 países representados, 269 expositores e 26 touroperadores, con masiva presenza de América Latina e de Europa e incorporando tamén ao Norte de África e Asia-Pacífico. Estes datos, sumados á presenza de 67 relatores, posicionan ademais a Ourense e Galicia como centro de formación profesional en materia de termalismo.

A feira celebrarase en Expourense os días 19 e 20 de setembro, aínda que as actividades enmarcadas na denominada "Semana Termatalia" comezarán mañá e continuarán o vindeiro mércores, 18 de setembro, co congreso internacional de termalismo 2021-2027 organizado polo proxecto "Raia Termal", no balneario de Lobios, iniciativa na que participa a Deputación de Ourense.

Promoción turística, xestión de centros termais, balnearios, deseño e construción, desenvolvemento da industria termal, augas, dermoestética, formación ou asociacionismo, son algúns dos temas que aborda esta edición de Termatalia, que segue a referentar o éxito que esta feira acada ano tras ano, e que nas edicións de Brasil (2018) e México (2016) impulsou o interese dos países de América Latina por desenvolver os seus recursos termais seguindo o modelo europeo.

Para máis información: www.termatalia.com