Manuel Baltar destaca o compromiso do Rei Felipe VI coa "democracia local"

Compartir

  • No acto, celebrado hoxe en Madrid, o monarca recibiu simbolicamente o bastón de mando dos concellos de España e a Chave de Ouro do municipalismo, en recoñecemento ao apoio que a Monarquía dispensou sempre á Administración Local.

  • Felipe VI dixo que os gobernos locais "teñen sido fundamentais para o desenvolvemento de España e son imprescindibles para abordar os retos de futuro", e o presidente da FEMP, Abel Caballero, reivindicou "o papel dos concellos, que fan da política local a política total".

  • O presidente da Deputación de Ourense salientou que a máxima distinción que outorga a Federación Española de Municipios e Provincias "é recibida pola máxima autoridade merecente deste recoñecemento, o Rei Felipe VI, sempre ao carón da realidade local".

Ourense, 3 de xullo de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na sede da FEMP en Madrid no acto de entrega simbólica ao Rei Felipe VI do bastón de mando dos concellos de España e da Chave de Ouro do municipalismo, en recoñecemento ao apoio que a Monarquía dispensou sempre á Administración Local. Baltar destaca o compromiso co municipalismo que ten demostrado sempre Felipe VI e salientou que a máxima distinción que outorga a Federación Española de Municipios e Provincias "é recibida hoxe pola máxima autoridade merecente deste recoñecemento, o Rei Felipe VI, sempre ao carón da realidade local".

Felipe VI dixo que os gobernos locais "teñen sido fundamentais para o desenvolvemento de España e son imprescindibles para abordar os retos de futuro", e referiuse aos gobernos locais como "escolas de democracia" e apostou por "pensar globalmente e actuar localmente". O monarca destacou o protagonismo dos gobernos locais "na vertebración do país, no apoio social dispensado ao longo de crise e, en definitiva, no desenvolvemento da España que vivimos". "Os concellos -subraiou- son imprescindibles para abordar os retos principais do noso futuro máis inmediato".

Pola súa banda, o presidente da FEMP, Abel Caballero, reivindicou "o papel dos concellos, que fan da política local a política total, porque nos municipios e cidades atópase a resolución das demandas, a busca de novos compromisos e sobre todo o espazo da modernidade, do futuro e da participación".

No acto, enmarcado nas celebracións conmemorativas do 40º aniversario das primeiras eleccións locais en España, o presidente da FEMP, Abel Caballero, entregoulle o galardón ao Rei, "en recoñecemento –dixo- aos que defenden e traballan polo ámbito local", e tamén deuse lectura a unha declaración institucional con motivo desta efeméride, aprobada pola xunta de goberno, na que participou Manuel Baltar. O acto completouse cun percorrido inaugural pola exposición "40 años de democracia local. 3 de abril de 1979, Elecciones Municipales", que quedará aberta ao público do 8 ao 31 de xullo". Trátase dunha mostra de carteis electorais daquela campaña que concluíu coa elección de alcaldes e concelleiros en máis de 8.000 concellos de España.