Manuel Baltar destaca o potencial turístico e natural que supón compartir entre Ourense e Portugal a reserva da biosfera Gerês-Xurés
- O Pazo de Vilamarín acolleu hoxe a presentación do proxecto europeo "Gerês-Xurés Dinámico", no que participan seis municipios da provincia de Ourense e cinco de Portugal, co obxectivo de dinamizar, protexer e promocionar este territorio, a súa economía e o turismo sostible.
Ourense, 17 de novembro de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe no Pazo de Vilamarín na xornada de presentación do proxecto "Gerês Xurés Dinámico", unha iniciativa financiada polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP 2014-2020)-Programa INTERREG V España Portugal, que ten como obxectivo a dinamización conxunta da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés, que abrangue os municipios de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños, do lado ourensán, e Montealegre, Terras de Bouro, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez e Melgaço, do lado portugués.
O presidente do goberno provincial destacou no acto "o potencial turístico e natural que supón compartir entre Ourense e Portugal a reserva da biosfera Gerês-Xurés", "un proxecto europeo -dixo- no que a Deputación de Ourense representa a seis concellos da provincia, que participan nesta iniciativa turística e medioambiental aliados con cinco cámaras portuguesas e coa Xunta de Galicia". Baltar subliñou a importancia "de traballar en rede, da internacionalización e da cooperación entre territorios, eixes aos que fixen referencia onte no debate sobre o estado da provincia e que, neste caso, remárcase coa nosa interrelación con Portugal, pensando no medio ambiente e na sustentabilidade".
O orzamento total deste proxecto ascende a preto de dous millóns de euros e a súa duración prolongarase ata o 31 de decembro de 2019. O proxecto está cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Ademais dos seis concellos ourensáns, representados no partenariado pola Deputación de Ourense, e das cinco cámaras portuguesas, tamén forman parte do proxecto a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e a Axencia de Turismo de Galicia.
O obxectivo é dinamizar, protexer e promocionar este territorio transfronteirizo entre Ourense e Portugal, a súa economía e o turismo sostible mediante o fomento da participación activa dos actores do territorio, a promoción do seu desenvolvemento e a protección e conservación do patrimonio natural e cultural.
A Reserva da Biosfera Gerês-Xurés conta con 117 especies endémicas da Península Ibérica e dúas exclusivas da zona. Na fauna salientan 204 especies protexidas nacional e internacionalmente, e no relativo ao patrimonio cultural hai abundantes vestixios da ocupación neolítica e romana, xunto con exemplos de arquitectura medieval.
Actividades
No marco do proxecto levaranse a cabo iniciativas de sensibilización dirixida aos habitantes do territorio sobre os valores naturais e culturais asociados á reserva e a recuperación do patrimonio etnográfico; e no que atinxe aos visitantes, iniciativas de promoción para situar nacional e internacional a reserva como destino de turismo sustentable. Outra liña de traballo vai dirixida aos escolares da eurorrexión Galicia–Norte de Portugal para darlles a coñecer a reserva e implicalos na súa conservación, posta en valor e difusión. E a cuarta iniciativa está orientada aos xestores, para proporcionarlles instrumentos de apoio no labor de conservación da biodiversidade deste territorio.
O acto oficial da xornada contou, ademais do presidente da Deputación, co presidente do Conselho de Administração da ADERE-PG, Augusto Marinho; do vicepresidente da Entidade Regional de Turismo do Porto e Norte de Portugal, Jorge Magalhaes; da Secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado; da vicepresidenta da CCDR-N, Ester Gomes; e da directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz.
A presentación do proxecto correu a cargo da subdirectora xeral de Espazos Naturais, Nieves López e da administradora-delegada da ADERE-PG, Sonia Almeida. Trala súa intervención foi a quenda para o debate, cunha mesa redonda na que interviñeron alcaldes da Reserva da Biosfera para analizar as cuestións das potencialidades de desenvolvemento local na área da Reserva. A presentación rematou coa celebración das "I xornadas gastronómicas Gerês Xurés Dinámico", un taller de cociña a cargo do chef Martín Álvarez, no que se presentaron produtos típicos da Reserva.