Manuel Baltar e a delegada da Xunta analizan proxectos de cooperación para Ourense
- O presidente da Deputación anunciou que neste novo período que comeza ámbalas dúas administracións manterán reunións de periodicidade mensual "nas que abordaremos as necesidades provinciais para que a Xunta de Galicia siga asumindo como propios os intereses de Ourense".
Ourense, 21 de decembro de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse esta mañá no Pazo Provincial coa delegada Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, con que analizou temas de colaboración entre ámbalas dúas institucións referidos á provincia de Ourense. A xuntanza pon en marcha os contactos institucionais nesta nova lexislatura autonómica "do mesmo xeito que na anterior, coa máxima cooperación entre a administración provincial e o goberno de Galicia", afirmou Manuel Baltar.
Baltar e Díaz Mouteira repasaron os asuntos que as dúas administracións viñeron desenvolvendo coordinadamente no ano que remata, entre os que figuran as obras de acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, as obras de mellora e acondicionamento en centros escolares da provincia ou a execución do Plan "Ourense, a provincia termal", entre outros dos ámbitos cultural, medioambiental e social. Manuel Baltar anunciou que neste novo período que se inicia "programaremos reunións de periodicidade, aló menos, mensual, nas que se analizarán as necesidades provinciais para que a Xunta de Galicia siga asumindo como propios os intereses de Ourense". Baltar destacou "a receptividade total" por parte da delegada, e remarcou que existe unha "sintonía absoluta"; todo iso, dixo o presidente, "só pode favorecer a materizalización de proxectos interesantes para a provincia de Ourense".