Manuel Baltar e Mario da Costa analizan proxectos dinamizadores para os empresarios do polígono de Pereiro de Aguiar
- Iniciativas de internacionalización, melloras nos viais e accións para potenciar a actividade empresarial centraron os temas da reunión.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente dos empresarios do Polígono de Pereiro, Mario da Costa, acompañados polo alcalde de Pereiro de Aguiar, Eliseo Fernández, reuníronse no Pazo Provincial para analizar os temas de actualidade que preocupan e interesan aos empresarios deste núcleo económico. Entre os asuntos dos que Mario da Costa deu conta ao presidente provincial figura a necesidade de mellorar os viais de acceso ao polígono, en concreto o que se refire á estrada de titularidade autonómica, principal ruta para achegarse ao polígono. Mario da Costa pediu a Manuel Baltar a súa intermediación para que se poidan realizar os traballos de mellora desta vía pola que diariamente circulan camións de gran tonelaxe, traballadores e demais usuarios.
Asemade, na xuntanza falaron da necesidade potenciar iniciativas e proxectos para promover a actividade empresarial do polígono e, por extensión, do comercio e da empresa na provincia de Ourense. Entre outros asuntos concordaron en que iniciativas como o proxecto de Internacionalización de empresas que puxo en marcha a Deputación de Ourense a través do Inorde, e do que forma parte o Polígono de Pereiro de Aguiar, é un elemento innovador importante para apoiar actuacións en materia de promoción da internacionalización das empresas pertencentes ao Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, Parque Tecnolóxico, e dos parques empresariais de Barreiros e Pereiro de Aguiar.
Este proxecto de Internacionalización de empresas supón, segundo Manuel Baltar, "un pulo importante para que emprendedores e empresarios ourensáns poidan explorar novos mercados, nuns momentos críticos pero nos que tamén hai que saber aproveitar as oportunidades".
Ademais das liñas de colaboración co Centro Comercial Aberto e coa Cámara de Comercio, Baltar destacou na reunión a importancia que para a provincia ten o Observatorio Económico Ourense, un instrumento que, segundo o presidente provincial, "a Deputación de Ourense pon a disposición de concellos, empresas e particulares para dar a coñecer a diagnose socio-económica da nosa provincia para poder acometer con eficacia iniciativas que potencien os nosos recursos".