Manuel Baltar e o presidente dos farmacéuticos de Ourense analizan a situación do sector
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, Vicente Jairo Álvarez, para analizar a situación do sector na provincia e estudar posibles liñas de colaboración da institución provincial co órgano colexiado dos farmacéuticos.
Neste senso, incidiron sinaladamente na situación pola que atravesa o sector da farmacia no ámbito rural e concordaron na necesidade de que seguir mellorando a prestación de servizos para os cidadáns que residen nos pequenos concellos e nos núcleos de poboación máis reducidos. Tamén falaron Baltar e Vicente Jairo Álvarez do impacto que terán na poboación as novas medidas adoitadas no sector como a dos medicamentos xenéricos.
No que atinxe al Colexio de Farmacéuticos de Ourense o presidente colexial trasladoulle a Manuel Baltar as novidades que se están a introducir para mellorar o servizo aos colexiados, medidas que teñen que ver coa "ventanilla única" para a realización de trámites administrativos, ou aspectos relacionados coa colexiación e a atención a consumidores e usuarios, un tema este último no que incide especialmente o Colexio de Farmacéuticos para continuar na mellora da información e do servizo que presta aos cidadáns.
Tamén lle trasladou o presidente dos farmacéuticos a Baltar a interesante actividade que está a levar a cabo o órgano colexial como son os "Martes farmacéuticos", unha iniciativa divulgativa e formativa coa que se pretende informar dos temas de máxima actualidade no sector e que se desenvolve no salón de actos do colexio. Entre os temas que se analizan estes días nestes relatorios figuran o tratamento con vacinas para as alerxias; os excipientes nas fórmulas ou as infeccións na pel e nos tecidos brandos.