Manuel Baltar, elixido novamente vicepresidente primeiro da Federación Nacional de Asociacións e Municipios con centrais hidroeléctricas e encoros
- A elección realizouse no transcurso da reunión da comisión executiva correspondente ao mes de xaneiro de 2020 de dita entidade, á que asistiu o vicepresidente da Deputación de Ourense.
Madrid, 24 de xaneiro de 2020.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi elixido novamente vicepresidente primeiro da Federación Nacional de Asociacións e Municipios con centrais hidroeléctricas e encoros, no transcurso da reunión da comisión executiva correspondente ao mes de xaneiro de 2020 de dita entidade, á que asistiu hoxe, en Madrid, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández.
Na reunión, coa que se abre a nova lexislatura desta Federación, aprobáronse as propostas de Presidencia referidas á elección das vicepresidencias e constituíronse as comisións de traballo e a distribución das competencias dos membros da Comisión Executiva. Aprobáronse finalmente tres comisións de traballo distribuídas nas seguintes áreas: lexislativa e tributaria; medio ambiente e augas; e territorio e despoboamento, sendo esta última a área de traballo na que se ubica a Deputación de Ourense, por petición da mesma.
Ademais de debaterse as actuacións que se levarán a cabo durante o ano 2020 por parte da Comisión Executiva, na xuntanza tamén se analizaron os resultados e as conclusións extraídas da IX Asemblea Xeral, e adiantouse a planificación das actuacións a levar a cabo por parte da Secretaría Xeral Técnica e do equipo técnico durante o exercicio 2020.
Por outra banda, informouse das xestións en curso da Federación como, por exemplo, os asuntos xurídicos nos que está inmersa a entidade referidos á problemática das pantallas impermeabilizantes, o impulso da rede de turismo de encoros, ou o convenio esmontañas, entre outros temas.