Manuel Baltar, elixido vicepresidente da Federación Nacional da Municipios con Centrais Hidroeléctricas e Encoros
- O presidente do goberno provincial defende que os concellos que contan con centrais hidroeléctricas "teñen dereito a recibir os beneficios correspondentes", e que a federación traballa nesa liña "para que os concellos poidan negociar mellor as condicións para que se recoñezan os dereitos que teñen por acoller este tipo de infraestruturas hidráulicas".
Madrid, 24 de maio de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi elixido hoxe en Madrid vicepresidente da Federación Nacional de Asociacións e Municipios con Centrais Hidroeléctricas e Encoros, a federación de municipios máis importante de España despois da FEMP. Dita federación agrupa a un milleiro de concellos de España –unha oitava parte do total-, e ten como obxectivo "avanzar nas melloras medioambientais, económicas, de seguridade e de desenvolvemento social das comarcas onde están situadas presas e embalses", explicou o presidente do goberno provincial ao remate da xuntanza.
Como vicepresidente primeiro, Manuel Baltar encargarase da Área Lexislativa da federación nacional, dada a súa formación xurídica e condición profesional como técnico da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Na provincia de Ourense, en concreto, son 43 os concellos afectados por presas e encoros, e deles, 19 contan con centrais hidroeléctricas, sendo 23 o total de presas e encoros na provincia de Ourense. Baltar, que é presidente da Asociación de municipios con centrais hidroeléctricas en Ourense, afirma que unha parte dos beneficios económicos que xeran as empresas hidroeléctricas "teñen que reverter nos concellos e, por extensión, nos seus cidadáns, e neste senso, a Federación nacional de municipios con encoros traballa nesa liña de cooperación para que os concellos poidan negociar mellor as condicións para que se recoñezan os dereitos que teñen por acoller nos seus territorios este tipo de infraestruturas hidráulicas".
Manuel Baltar defende que os concellos que contan con centrais hidroeléctricas "teñen dereito a recibir os beneficios correspondentes, e cantos máis sexamos, mellor poderemos negociar e defender os intereses municipais, porque esta é unha maneira máis de financiar os gobernos locais".
Na reunión de hoxe, ademais do nomeamento de Manuel Baltar como vicepresidente, o plenario da Federación Nacional de Asociacións e Municipios con Centrais Hidroeléctricas e Encoros debateu o informe de xestión no que se deu conta do análise de resultados e da xestión desenvolvida pola federación, así como dos traballos que se están levando a cabo sobre proxectos financiados con fondos estruturais da Unión Europea. Tamén se informou na reunión sobre os informes da asesoría xurídica en materia de Catastro, Lei de Facendas Locais e concesións administrativas de actividades hidroeléctricas.
A Federación de asociacións de concellos con encoros e centrais hidroeléctricas, cuxa presidenta é Rosario Cordero Martín, presidenta da Deputación de Cáceres, ven traballando dende a súa fundación en 1995 na defensa dos intereses destes concellos fronte ás grandes multinacionais e empresas hidroeléctricas. O seu labor céntrase principalmente en axudar aos pequenos concellos que teñen carencias en materia de asesoramento xurídico e xestión fiscal.
Neste sentido, Manuel Baltar defende o desenvolvemento de políticas medioambientais "especialmente activas e dinámicas nos pequenos concellos do rural, porque a riqueza e a competitividade destes municipios pasa por potenciar accións sostibles e por desenvolver iniciativas en clave ecolóxica e de protección do medio natural".
A Deputación de Ourense forma parte, por medio de Manuel Baltar, das asociacións e entidades de ámbito nacional e internacional máis importantes de España e Europa, ocupando nelas postos de relevancia por acordo dos seus membros, que ven no goberno provincial de Ourense un referente de xestión e innovación política. Estes organismos son a Xunta de Goberno da FEMP; a Vicepresidencia de Partenalia, a Asociación de Gobernos Locais Intermedios de Europa; o Comité de Dirección da Fundación Democracia e Goberno Local, e desde hoxe, a Federación Nacional de Asociacións e Municipios con Centrais Hidroeléctricas e Encoros.