Manuel Baltar, na presentación do proxecto da estación intermodal de Ourense
- A infraestrutura, que integrará nun espazo a estación ferroviaria e a de autobuses, mellora especialmente a permeabilidade da cidade mediante conexións peonís e rodadas e unha nova praza como espazo público.
- Segundo Pablo Uranga a filosofía do proxecto de Norman Foster é que a cidadanía volva a conectar emocionalmente coa súa estación, devolvéndolle espazo público e poñendo en valor o edificio preexistente, cunha linguaxe arquitectónica sinxela, clara, atemporal e elegante.
Ourense, 16 de xuño de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asistiu hoxe no Auditorio Municipal de Ourense á presentación do proxecto da estación intermodal de Ourense, a cargo do equipo de arquitectos Foster+Partners. A infraestrutura, segundo explicou o autor do proxecto, Pablo Uranga, contará cunha estación de autobuses e un aparcadoiro subterráneo. Adif executará e financiará as obras de adaptación da estación de ferrocarril aos servizos de alta velocidade, por importe de 140 millóns de euros, un proxecto que se completará cun investimento de 10 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia, para a estación de autobuses e o aparcadoiro subterráneo.
Segundo Pablo Uranga a filosofía do proxecto de Norman Foster é que a cidadanía volva a conectar emocionalmente coa súa estación, devolvéndolle espazo público e poñendo en valor o edificio preexistente, cunha linguaxe arquitectónica sinxela, clara, atemporal e elegante.
O acto de presentación contou coa presenza, ademais de Manuel Baltar, do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; do presidente de Adif, Juan Bravo Rivera; da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez; dos membros da Comisión de Seguimento da chegada do AVE no Concello de Ourense, e representantes de asociacións, colectivos e entidades sociais, veciñais, empresariais e profesionais da cidade.
O proxecto no seu conxunto, no que tamén participaron o estudo ourensán de Juan Carlos Cabanelas e a enxeñería pública Ineco, mellora especialmente a permeabilidade da cidade mediante conexións peonís e rodadas e unha nova praza como espazo público de reunión, así como un edificio máis amplo para viaxeiros.
Entre as actuacións para a adaptación da estación de Ourense aos novos servizos de alta velocidade figuran as seguintes:
• Adaptación e ampliación do edificio de viaxeiros existente mediante un novo vestíbulo capaz de aloxar zonas de espera, comerciais e aquelas asociadas aos novos fluxos de viaxeiros, en óptimas condicións de confort e seguridade, permitindo a intermodalidad coa nova estación de autobuses.
• Construción de dúas novas plataformas e catro vías en ancho estándar para os novos servizos de alta velocidade, mantendo a praia de vías de ancho ibérico na súa localización actual. Coa nova configuración de vías conséguese a segregación dos tráficos, permitindo un mellor control e xestión dos mesmos. Isto facilita así mesmo a execución das obras por fases, mantendo en funcionamento a estación actual.
• Construción dunha nova pasarela elevada sobre vías en substitución do paso inferior existente. Esta pasarela contará con núcleos de comunicación vertical (fixas e ascensores) cumprindo con todos os requisitos en materia de accesibilidade.
• Execución dun novo aparcadoiro subterráneo baixo a praza da estación con capacidade para 300 prazas aproximadamente.
• Reordenación da praza da estación sobre o novo aparcadoiro subterráneo, incluíndo bolsa de taxis, zonas de parada momentánea (Kiss&ride), aparcadoiro de motos e bicicletas, etc.
Desta forma defínese unha nova praza peonil cuberta na fronte da estación actual, que funciona como nodo intermodal e gran espazo público representativo, que conecta a estación de ferrocarril, a nova estación de autobuses, o novo aparcadoiro subterráneo e a nova pasarela peonil urbana entre os barrios de O Vinteún e A Ponte.
A permeabilidade solucionaranse mediante a execución da pasarela peonil xa mencionada, un novo viario e unha laxa sobre vías, que se integrará coa trama urbana creando novos espazos públicos e zonas axardinadas para goce da poboación.