Manuel Baltar no Día da Constitución: "Garante o progreso de España, instaurou o modelo autonómico e salvagarda a solidariedade e a unidade"
Ourense, 6 de decembro de 2014.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe no acto institucional conmemorativo do 36º aniversario da Constitución Española de 1978 que a Carta Magna "é a lei de leis que garante o progreso de España, instaurou o modelo autonómico e salvagarda a solidariedade e a unidade". O presidente do goberno provincial destacou tamén a importancia dun texto constitucional "que facemos entre todos dende 1978", e engadiu que é "o pacto dos pactos, un símbolo de convivencia e alicerce do futuro, que recoñece a realidade provincial e á Deputación como seu goberno".
O acto tivo lugar no Auditorio de Ourense, no decurso do cal a Subdelegación do Goberno entregou os premios correspondentes á 31ª edición do concurso escolar da Constitución. Ao acto acudiron representantes institucionais, sociais, académicos, xudiciais e culturais, e recoñeceuse tamén o labor que desenvolven membros das forzas e corpos de seguridade do Estado así como persoas e colectivos que traballan a prol da cidadanía.