Manuel Baltar, novo membro da comisión permanente da Fundación Democracia e Goberno Local
Na reunión deste organismo, celebrada en Madrid, participaron 19 representantes dos gobernos locais e intermedios de España. Baltar anunciou que o 22 de xuño a Deputación de Ourense organizará en colaboración coa Fundación unha xornada para debater sobre o papel das deputacións no futuro.
O debate sobre o papel que xogarán as deputacións provinciais no futuro inmediato está xa na axenda dos dirixentes dos gobernos locais e intermedios de España. Na xuntanza que mantiveron en Madrid os responsables da Fundación Democracia e Goberno local, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi nomeado novo membro da comisión permanente, unha xuntanza na que se analizaron aspectos relacionados coa organización, a xestión e a prestación de servizos dos entes provinciais e as novas canles de colaboración que no futuro máis inmediato terán que arbitrarse cos municipios para mellorar a eficiencia e a operatividade dos servizos que se lles prestan aos cidadáns, sinaladamente nos concellos de menos de 20.000 habitantes.
Nesta esta reunión de Madrid participaron 19 representantes dos gobernos locais e intermedios de España, e nela Manuel Baltar anunciou que o vindeiro 22 de xuño a Deputación de Ourense organizará unha xornada para analizar e debater sobre o papel que deben xogar os entes provinciais no futuro. O seminario, que se organizará coa colaboración da Fundación Democracia e Goberno Local, contará con destacados expertos que abordarán desde diferentes ópticas os servizos que prestan actualmente as deputacións e cómo se poden mellorar, para ir cara a unha optimización máxima de recursos pero tamén cara a unha eficiencia máxima, que redunde na mellora da xestión e da prestación de servizos aos cidadáns.
A Fundación Democracia e Goberno Local ten como obxectivo desenvolver accións e iniciativas para o estudo, divulgación e asesoramento sobre o goberno local, e serve de punto de encontro para concellos, cabildos e deputacións para coordinar estratexias de cooperación entre as administracións.
Durante o almorzo organizado pola Fundación Democracia e Goberno Local, o secretario de Estado da Administración Pública, Antonio Beteta, previu un novo futuro para as institucións locais, “cunhas deputacións potenciadas, con agrupacións voluntarias de municipios e con reformas legais para determinar as competencias locais de forma definitiva”.
Beteta anunciou que este mesmo mes estará redactado un informe que determinará a modificación da Lei de Bases de Réxime Local, e que será abordado de maneira definitiva o financiamento local, uns cambios que tamén determinarán as competencias dos entes locais.
O secretario de Estado argumentou taxativamente que as deputacións "serán reforzadas, pois terán un novo papel no futuro mapa local como garantes do cumprimento das obrigas municipais para cos cidadáns”.
Sobre o futuro do mapa municipal español, Beteta dixo que a Administración Local afronta “o reto máis importante en moito tempo", xa que conta con menos ingresos e máis gastos, o que obriga a impulsar grandes cambios para acadar máis eficiencia, máis austeridade e evitar duplicidades”.
Más información gráfica: