Manuel Baltar: "O respecto institucional e a innovación pública son clave para o avance da nosa sociedade"

Compartir

  • O presidente da Deputación presentou no debate sobre o estado da provincia 10 medidas de dinamización provincial, relativas a termalismo, aforro enerxético, transparencia, emerxencias, ensino e innovación, destacando no ámbito deportivo que "La Vuelta a España" estará novamente na provincia de Ourense en 2018.

  • Baltar citou como ámbitos "para o crecemento da provincia de Ourense: a internacionalización e a transformación dixital, xunto ao potencial dos sectores tradicionais como o agroalimentario, o téxtil, o comercio, a lousa, as enerxías ou a automoción, aos que se engade a economía verde e a economía social".

  • O pleno aprobou 16 propostas de resolución sobre política social, medio ambiente, emerxencias, turismo, cultura, economía, infraestruturas, termalismo, cooperación, transparencia, igualdade e medio rural.

Ourense, 16 de novembro de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirmou hoxe, na sesión plenaria do debate sobre o estado da provincia que o respecto institucional e a innovación na administración pública "son clave para o avance da nosa sociedade". "No marco da tolerancia, da convivencia e do respecto ás singularidades de cada territorio, cadanseu coa súa cultura e historia, integradoras e non excluíntes, constrúese o progreso dos pobos, unha evolución que, nos tempos actuais pasa máis que nunca por levar a cabo políticas innovadoras na xestión pública, poñendo a tecnoloxía ao servizo do benestar dos cidadáns", expresou Manuel Baltar, citando como ámbitos fundamentais para o crecemento da provincia de Ourense: a internacionalización, a transformación dixital, a xestión do talento ou a responsabilidade social corporativa, "sectores nos que a Deputación está chamada a xogar un importante papel".

"Todo elo, baseado no respecto persoal e político", afirmou o presidente da Deputación, destacando que Ourense e Galicia "posúen argumentos históricos de peso e inequívocos da súa identidade que funden as súas raíces hai máis de 1.600 anos, o que constitúe un exemplo de nacionalismo moderado e integrador, nas antípodas das derivas nacionalistas extremistas e excluíntes".

O presidente do goberno provincial presentou neste debate, "único en Galicia, por innovador, e que aínda non se celebra nas outras corporacións provinciais do noso país", un total de 10 novas medidas, a título persoal, como xa fixera nos anteriores debates do estado da provincia, que teñen como obxectivo a dinamización provincial nos ámbitos da innovación, o ensino, a seguridade e as emerxencias, a transparencia o turismo cultural e o deporte. Son as seguintes:

1.- En materia de persoal da institución: a Deputación de Ourense, en aras de mellorar e conseguir a estabilidade do emprego público, proporá unha oferta pública de emprego en 2017 de 40 prazas.

2.- En materia de ensino e innovación: creación do espazo provincial TESLAB (robótica, impresoras 3D, gafas 3D...) en La Molinera, para que os nenos da provincia poidan visitar e coñecer estas novas tecnoloxías, claves para os empregos do futuro.

3.- No ámbito da Seguridade e das Emerxencias, traballar cooperando coa Xunta de Galicia na comarcalización das emerxencias e, dentro da Relación de Postos de Traballo, crear unha sección especifica de emerxencias provincial (estradas, vialidade invernal, incendios...), con facultades de coordinación.

4.- Turismo cultural, dentro da aposta iniciada pola Deputación para que a Unesco distinga á Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial, no marco da Ourense ICC Week, en maio de 2018, un seminario en San Pedro de Rocas sobre "O fenómeno rupestre en Europa: xestión, difusión e posta en valor dun patrimonio singular".

5.- No ámbito do Termalismo, e tendo en conta a condición de Manuel Baltar como vicepresidente da Asociación europea de cidades históricas termais, Ourense será sede en 2018 da asemblea desta rede, que agrupa a 50 emprazamentos termais de Europa, correspondentes a 13 nacións.

6.- En canto a Deporte, palabra fundamental no Plan "Ourense 15-19", e tendo en conta que a provincia é un escenario perfecto para a competición deportiva de alto nivel, La Vuelta a España –unha das tres probas ciclistas por etapas máis importantes do mundo- estará en 2018 de novo na provincia de Ourense.

7.- No que atinxe á tecnoloxía, a Deputación de Ourense innovará coa "Realidade aumentada" nun dos sectores produtivos máis importantes da provincia de Ourense: o vitivinícola. Unindo pasado e presente, patrimonio e sector vitivinícola, de xeito pioneiro no concello con máis adegas da denominación de orixe máis nova da provincia.

8.- No ámbito da cooperación institucional, seguir apostando polas xornadas "As deputacións do futuro", en colaboración co Fundación Democracia e Goberno Local, cunha temática na que a Deputación de Ourense tamén exerce o liderado no ámbito dos gobernos provincias de España: a comunicación política, clave nun goberno aberto caracterizado pola rendición de contas e a participación.

9.- Continuar fortalecendo o Observatorio Económico Ourensán, instrumento básico no deseño das políticas provinciais, cooperando con entidades representativas como a Asociación provincial de Construtores de Ourense para contar cunha ferramenta de xestión que permitirá contar cun estudo actualizado, poboacional e urbanístico, tanto no ámbito provincial como local. Un estudo que subministrará información clave sobre a evolución da poboación e do urbanismo por concellos e por entidades de poboación, e que permitirá obter un achegamento a estado do parque de vivendas da provincia para facer unha análise do custo estimado por vivenda na implementación de medidas de aforro enerxético.

10.- No ámbito da Transparencia, onde a Deputación de Ourense é o goberno provincial líder en España, dar un novo pulo co nomeamento do director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, e tamén co portal de Transparencia da Deputación de Ourense, pioneiro a nivel de gobernos provinciais en España.

Economía

Manuel Baltar centrou boa parte do seu discurso na análise da situación económica da provincia de Ourense, afirmando que calquera valoración económica que fagamos "ten que mirar obrigatoriamente cara os datos e proxeccións do Observatorio Económico Ourensán, un instrumento único no contexto dos gobernos provinciais, que debemos sempre poñer en valor porque nos axuda a facer efectiva a visión integral de provincia que debemos atender e constitúe o elemento obxectivo necesario para acertar nas políticas públicas que poñemos en marcha".

Neste sentido, destacou que o cambio de ciclo que afronta a economía ourensá desde finais de 2014 "perdura no tempo, intensifícase e esténdese ao conxunto dos indicadores. Os números avalan a afirmación de que en Ourense estamos a vivir unha recuperación uniforme e sólida, co descenso da taxa provincial de paro ata niveis nunca vistos desde o ano 2009, situándose no 15,3%, segundo recolle a EPA do terceiro trimestre, mellorando catro puntos porcentuais no acumulado do ano 2017 (nos nove primeiros meses) e 2,5 puntos na comparativa interanual".

Asemade, subliñou que a taxa de ocupación alcanza valores de récord desde finais de 2011, logo de avanzar un punto e medio desde comezos de ano, e que a taxa de actividade xa está a acompañar á baixada do paro e á subida dos ocupados. "No terceiro trimestre do ano houbo un incremento de 1.200 traballadores (subida do 0,92%) con respecto ao trimestre anterior, o que permite salientar que a provincia suma 130.000 traballadores activos, chanzo que quedara diluído pola crise". "Hoxe contabilizamos 5.700 parados menos que cando principiou 2017 e 3.900 menos que hai xustamente un ano", indicou Manuel Baltar.

Os informes económicos reflicten, afirmou o presidente, que os motores de creación de emprego sitúanse: no comercio, que segundo a EPA creou 2.500 novos empregos entre xaneiro e setembro deste ano, seguido da hostalaría (2.300); a venda e reparación de vehículos (1.100); a industria da alimentación e bebidas (1.000); as actividades financeiras e os seguros (1.000), e as actividades profesionais, científicas e técnicas, con 900 empregos de saldo neto este ano.

"As proxeccións indican –destacou Manuel Baltar- que no horizonte do ano 2020 asistiremos á plena recuperación e á estabilización do mercado de traballo ourensán, con máis de 105.000 afiliacións no conxunto da provincia, cunha taxa de paro situada na contorna do 12% ou mesmo por debaixo, con máis de 5.000 empregos de tecnoloxía punta, alta ou media-alta".

Neste sentido destacou "o planeamento, a estratexia de reactivación e as políticas que vimos exercendo nesta institución, que se traducen nun modelo produtivo en equilibrio e nun tecido empresarial en crecemento, que sen dúbida van xerar estímulos máis que suficientes para captar inxeccións de investimento tanto privado como público nos vindeiros anos".

Sectores

Xunto ao potencial dos sectores tradicionais, como a agroalimentación, o téxtil, o comercio, a lousa, as enerxías ou a automoción, "a provincia de Ourense engade o empuxe da economía dixital, da economía verde, da economía social e da industria de nova xeración", expresou o presidente, remarcando que a Deputación de Ourense "xa activou todos os mecanismos necesarios para que o pulso dos sectores tradicionais se complemente coa consolidación e tamén coa chegada de empresas de éxito en sectores como a biotecnoloxía, os servizos informáticos avanzados, as novas enerxías, o medio ambiente, os composites e os novos materiais, a automatización industrial, a microelectrónica e a aeronáutica".

"Imos continuar ademais –dixo- coa aposta polos sectores emerxentes e polas actividades intensivas en coñecemento e en tecnoloxías avanzadas, é dicir, no que conforma o sector high-tech", concluíndo que o mellor garante do dinamismo e da fortaleza económica, empresarial, industrial e tecnolóxica "está na permeabilidade ante a nova economía e na potenciación dos sectores que nos identifican fóra das nosas fronteiras, como a agroindustria, a viticultura, a extracción de pedra natural, o téxtil, o comercio, a automoción, o termalismo ou o turismo".

Propostas de resolución aprobadas

O pleno aprobou 16 propostas de resolución dos grupos políticos PP, PSOE e BNG, relativas a política social, medio ambiente, emerxencias, turismo, cultura, dinamización económica, infraestruturas, termalismo, cooperación, transparencia, igualdade e medio rural. Son as seguintes:

1.- Política Social: Reforzamento do Consello Social Provincial. Elaborar un mapa de diagnose da provincia e un plan de reforzo do labor que desenvolven as distintas asociacións e entidades, caracterizado pola máxima participación e transparencia.

2.- Emerxencias: Formación en prevención de Incendios. Co obxectivo de que a formación en prevención de incendios chegue a toda provincia, a Deputación porá en marcha un programa de actividades denominado "Semana Provincial de Prevención de Incendios", implicando ao Consorcio Provincial de Incendios e Salvamento, grupos de bombeiros supramunicipais, G.E.S. e Protección Civil, para que entre todos consigan transmitir dun xeito eficaz a mensaxe da prevención aos ourensáns, con especial atención aos escolares e maiores.

3.- Emerxencias. Rede de helisuperficies. Reforzar o compromiso da Deputación co territorio en materia de prevención de incendios e actuacións en caso de emerxencias, co seu esforzo investidor en infraestruturas, cunha rede de "helisuperficies" en terreos de titularidade provincial.

4.- Turismo. Aproveitamento do pulo do Xacobeo 2021. Elaborar unha estratexia turística provincial enfocada aos peregrinos, con vistas ao Ano Xacobeo 2021, coa posta en valor dos camiños de Santiago que transcorren pola nosa provincia, así como a Vía Nova ou Vía XVIII do itinerario Antonino que atravesa en diagonal a provincia de Ourense, de suroeste a nordés, desde a fronteira con Portugal en Portela do Home (Lobios) ata a Serra de Enciña da Lastra (Rubiá).

5.- Identidade e cultura propias. Cen anos da Revista Nós. Participar activamente na celebración en 2020 dos cen anos da aparición da Revista Nós, auténtico referente identitario social e político, con berce na nosa provincia.

6.- Cultura e Patrimonio. Aposta por recuperar, conservar e difundir a memoria oral da provincia. A Deputación axudará a preservar para xeracións vindeiras o patrimonio inmaterial da nosa provincia, agora só dispoñible na memoria dos ourensáns máis lonxevos e susceptible de desaparecer progresivamente co paso do tempo. Un xeito de traballar que conta cun espello claro no Centro de Cultura Popular "Xaquín Lourenzo" da Deputación.

7.- Dinamización económica. "Marca Ourense". Estudo da implantación da "marca Ourense" de calidade na produción agroalimentaria, tendo en conta as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas coas que conta o territorio provincial.

8.- "Plan ExportOU". En convenio coa Confederación de Empresarios de Ourense renovar a alianza para reforzar o apoio ás empresas da provincia no ámbito da internacionalización, reeditando o "Plan Exportou".

9.- Termalismo. Mesa Técnica Termal. Creación e posta en marcha da Mesa Técnica Termal coordinando diversas administracións en relación a calquera proxecto que se presente, tendo entre os seus obxectivos a axilidade na tramitación.

10.- Cooperación coa Xunta de Galicia. Centros Comarcais. Estudo da xestión e utilización dos antigos centros comarcais da Xunta de Galicia, como xa se está a facer co de Castro Caldelas para situar alí o Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra.

11.- Medio ambiente. Estudo sobre o ciclo da auga. Elaboración dun estudo en colaboración cos concellos da provincia para analizar o ciclo da auga dende os sistemas de abastecemento ata os de depuración, do que se deriven solucións técnicas, económicas e xurídicas que permitan a mellora dos actuais sistemas; evitando fugas nas redes de abastecemento e depuración e optimizando os sistemas. Tendo como obxectivo, facilitarlle medios aos concellos para que cumpran coa normativa, asegurando os futuros abastecementos, contando cos períodos de seca presentes e futuros, así coma que a auga volva en óptimas condicións ó medio natural.

12.- Igualdade. Pacto provincial contra as violencias machistas. Desenvolvemento dun pacto provincial contra as violencias machistas co obxectivo de pór en marcha medidas que tendan a reducir o número de vítimas así coma previr e sensibilizar sobre as situacións de violencia de xénero en todo o noso territorio. Este pacto debe contemplar todas as liñas de actuación estratéxicas así coma definir o papel asistencial da deputación no relativo aos concellos de menos de 20.000 habitantes no eido da igualdade.

13.- Novas tecnoloxías e medio rural. Banda larga. Revisión do proxecto para a implantación dunha rede de acceso a banda larga desenvolvido por esta Deputación e cofinanciado con fondos europeos (FEDER), no marco dos programas Terras do Avia, Delorur e Arraiano, para que cumpran co cometido de ofrecer un servizo de Internet rural de calidade. Este servizo debería permitir o acceso a Internet para o traballo de Pemes e emprendedores do rural como gandeiros, cooperativas, comercialización de produtos ecolóxicos ou venda en liña de produtos de excelencia, entre outros. E no caso de insuficiencia, unha vez efectuada a revisión, que a Deputación desenvolva un plan de implantación tecnolóxica que, mediante convenios de cooperación cos concellos, poña en marcha puntos públicos de acceso a Internet nos núcleos de poboación rural.

14.- Economía. Produtos de calidade. Posta en marcha dun plan de apoio á distribución e comercialización, incluído un plan de marketing e comunicación online, dos produtos de calidade e excelencia da provincia de Ourense tales coma a castaña, carne, viño, pataca, mel, pan, etc.

15.- Cooperación cos concellos. Transparencia. Elaboración dun convenio-marco de colaboración cos concellos da provincia que, en consonancia coa previsión de elaboración dun Plan provincial sobre este eido, asista aos municipios na aplicación do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016 relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, xa en vigor dende maio do 16; tendo en conta que comeza a súa obrigatoriedade o vindeiro 25 de maio de 2018.

16.- Infraestruturas. Plan da Rede Viaria. Elaborar un plan da rede viaria provincial encardinado coas redes estatal, galega e fronteira portuguesa, dotándoo de maior orzamento, que permita dedicar os recursos ás vías que prioritariamente o precisen en función de criterios estritamente técnicos.