Manuel Baltar participa na XXII edición da Feira do Pemento de Oímbra
- "Trátase dun evento gastronómico que cada ano reúne a centos de ourensáns e visitantes para render homenaxe a un dos produtos clave da nosa gastronomía provincial", destacou o presidente da Deputación de Ourense.
Ourense, 4 de agosto de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na celebración da XXII edición da Feira do Pemento de Oímbra, "un evento gastronómico que cada ano reúne a centos de ourensáns e visitantes para render homenaxe a un dos produtos clave da nosa gastronomía provincial", salientou Baltar.
Esta cita gastronómica, "de referencia en Galicia, enxalza un dos produtos estrela da nosa horta: o pemento de Oímbra", dixo o presidente do goberno provincial, quen engadiu que este tipo de celebracións supoñen "un pulo importante para a economía municipal de Oímbra e de toda a comarca, onde o sector primario exerce un papel protagonista".
Neste mesmo sentido, a alcaldesa de Oímbra lembrou que o pemento é "o rei da horta no noso municipio, sendo un produto que representa o alimento natural de calidade básico na gastronomía e na economía desta contorna". A Feira do Pemento de Oímbra, declarada de Interese Turístico de Galicia, é unha celebración "consolidada, tendo en conta a gran afluencia de público que temos cada ano e que nesta ocasión prevese superar un consumo de máis de mil quilos de pementos", sinalou Ana Villarino.
A XXII Feira do Pemento de Oímbra comezou ás 12.00 horas cun concurso de pratos de cociña -cuxo ingrediente principal é o pemento, con receitas dos propios veciños- e coa animación musical a cargo de DJ Ness. Ás 14.00 horas celebrouse o xantar popular amenizado pola charanga Támega, e ás 20.00 horas actuará o grupo musical valdeorrés Son do Sil. Ademais, ao longo de toda a xornada haberá inchables para os nenos e xogos populares para o público de tódalas idades, xunto con degustacións gratuítas de pementos.