Manuel Baltar pide ao Goberno "solucións e non escusas" para pór ao día o financiamento local

Compartir

 

  • O presidente da Deputación de Ourense, quen participou hoxe na reunión da Xunta de Goberno da FEMP, afirma que a cidadanía "non se merece ser perxudicada na merma de servizos e infraestruturas, aos que ten dereito en concellos e provincias. Un Goberno debe entender as necesidades da veciñanza e da administración local".

Ourense, 28 de xaneiro de 2020.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, pediu hoxe ao Goberno, logo de participar na reunión da Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), en Madrid, que achegue "solucións e non escusas" para pór ao día o financiamento local. O presidente afirma que a cidadanía "non se merece ser perxudicada na merma de servizos e infraestruturas, aos que ten dereito nos seus concellos e provincias", salientando que un Goberno "debe entender as necesidades da veciñanza e da administración local".

Baltar solicita que se estableza "un calendario de actuacións concretas para avanzar nos asuntos clave da lexislatura", como o reinvestimento do superávit, a plusvalía municipal ou o financiamento local, "asuntos que se o presidente do Goberno non pode abordar que o faga a ministra de Política Territorial e Función Pública, que supoño lle dedicará máis tempo a eses temas".

O presidente do goberno provincial de Ourense fala da "imperiosa necesidade" de planificar, algo do que adoece o Goberno do Estado. "A máxima principal da boa xestión de toda administración pública é precisamente esa: a previsibilidade", afirma Manuel Baltar, quen insiste en que é preciso que haxa un calendario de prazos e actuacións cunha serie de iniciativas que permitan dinamizar a economía dos municipios; que se desbloquee dunha vez a situación, agora xa que non hai escusas de interinidades no Goberno de España".

"Non hai un asunto máis importante para a economía dos concellos –remarca Baltar-, polo que, abonda xa de dilacións e cómpre máis consenso, altura de miras e sentido de estado".