Manuel Baltar pide que a Comunidade Autónoma transfira ás deputacións participación nos seus tributos

Compartir

  • Na súa comparecencia hoxe ante a Comisión de Economía e Facenda do Parlamento avogou porque a cámara galega lexisle sobre as competencias das deputacións.

  • Baltar fixo un balance dos primeiros once meses ao fronte da Deputación de Ourense, destacando como eixes principais da súa xestión a cooperación cos concellos e a eficiencia nos servizos.

  • Explicou o Plan de Estratexia Operativa OURENSE 92, defendeu a elección directa dos deputados provinciais e destacou as medidas orzamentarias e de redución de gasto de persoal implementadas na institución provincial.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia diante da Comisión de Economía e Facenda para expoñer as liñas xerais dos orzamentos da institución provincial para o ano 2013.

Na súa intervención, Manuel Baltar avogou porque exista "unha verdadeira xustiza tributaria", e para elo "a Comunidade Autónoma debe transferir aos gobernos provinciais participación nos seus tributos. Digo isto porque, un ano máis, incúmprese o que establece o artigo 142 da Constitución: segue sen establecerse unha participación das deputacións nos tributos da Comunidade Autónoma. E isto é grave porque supón privar aos cidadáns de Ourense do debido retorno dunha parte dos tributos que pagan á Comunidade Autónoma ás institucións locais ourensás, neste caso concreto á Deputación".

Baltar subliñou que compete ao Parlamento regular esa participación das deputacións nos tributos autonómicos e por iso reclamou "unha participación xusta e equitativa na recadación que a Xunta de Galicia obtén dos tributos pagados polos cidadáns da provincia de Ourense. É, simplemente, unha cuestión de xustiza tributaria".

Manuel Baltar fixo tamén un balance dos primeiros once meses ao fronte da Deputación de Ourense, destacando como eixes principais da súa xestión a cooperación con concellos e eficiencia nos servizos. Neste senso, un dos piares fundamentais é a posta en marcha do Plan de Xestión e Estratexia Operativa OURENSE 92, -denominado así en referencia aos 92 municipios da provincia de Ourense- que ten como obxectivos principais os servizos sociais, a cooperación intermunicipal, a realización de obras en todos os concellos, o "adelgazamento" da administración provincial e potenciar a fusión de servizos entre concellos para optimizar o gasto, "unha medida esta última da que a Deputación de Ourense é pioneira pois leva 20 anos desenvolvendo iniciativas neste senso".

Máis eficiencia con menos recursos

Manuel Baltar explicou que é posible facer unha xestión máis eficiente a pesares de contar con menos recursos, e a proba diso é que ata 2015 poremos en marcha 43 iniciativas e conseguiremos aforrar máis de 6 millóns de euros, ademais de gañar en liquidez outros 2 millóns de euros. "A única estratexia para acadar isto –dixo- é priorizar, planificar e realizar accións focalizadas exclusivamente nas principais necesidades dos nosos concellos e dos nosos cidadáns".

Asemade, Manuel Baltar defendeu no Parlamento a súa proposta de a elección directa dos deputados provinciais. "A reforma das deputacións provinciais pasa por convertelas en "asembleas de elección directa", utilizando como circunscrición electoral a provincia. Non é de recibo que a provincia, isto é, seus cidadáns, constituídos como corpo electoral, non poidan elixir directamente aos seus representantes, como si fan noutras convocatorias".

O presidente provincial de Ourense destacou, asemade, na súa intervención no Parlamento as medidas orzamentarias e de redución de gasto de persoal implementadas na institución provincial nos últimos once meses, subliñando que as políticas de persoal da Deputación de Ourense "teñen como obxectivo acadar unha maior eficiencia e especialización na xestión, redimensionar a administración provincial e reducir o gasto público, ademais de incrementar os servizos que se prestan aos concellos potenciando as políticas de cooperación".

O orzamento da Deputación de Ourense para 2013 –explicou Baltar- terá unha redución no gasto de persoal de 1,3 millóns de euros, o que permitirá, en opinión do presidente provincial, Manuel Baltar, "optimizar o custe dos recursos humanos e acadar maior eficiencia na prestación dos servizos". Neste senso, unha das medidas que vai adoptar a deputación, motivada pola redución dos orzamentos e por causas económicas e organizativas, é a realización dun expediente de despido colectivo (EDC), que afectará a 32 empregados laborais indefinidos, expediente que nestes momento atópase en fase de negociación.

Prioridades orzamentarias

Manuel Baltar afirmou que os orzamentos da Deputación de Ourense para 2013 priorizan os Servizos Sociais, o Medio Ambiente e a cooperación cos concellos, os principais eixes nos que incidirá o esforzo investidor da institución provincial, nuns presupostos "realistas e centrados nos servizos propios", que ascenderán a 66.307.000 euros, un 6,64% menos que no ano 2012 (71.023.000 millóns de euros), debido á redución das achegas do Estado e da UE. É a primeira vez que a Deputación de Ourense destina máis de 10 millóns de euros de recursos propios a investimentos.

Baltar destacou que son uns presupostos "para facer fronte a crise", pensados "en clave social para as persoas e para os sectores económicos máis desfavorecidos da nosa provincia, e tamén para aqueles sectores con grandes potencialidades que permitan levar a cabo iniciativas que atraian riqueza a Ourense".

Finalmente, o presidente provincial explicou que a Deputación de Ourense centrarase nos "servizos propios", e citou como exemplo a posta en marcha da rede de canceiras e a implementación de novas iniciativas na recollida de residuos sólidos urbanos ou o Consorcio de Augas de Valdeorras, unha iniciativa pioneira para a xestión conxunta da auga en todos os municipios de Valdeorras. E subliñou que a Deputación externalizará as competencias impropias, entre as que citou os centros hípicos, e mesmo as disolverá, como foi o caso da sociedade UrbaOurense.

A modernización da institución provincial ponse de manifesto en iniciativas novidosas postas en marcha entre as que Manuel Baltar citou o novo Regulamento da Deputación; a creación da nova estrutura de xestión do ente provincial que terá áreas de Administración Xeral, Facenda, Benestar, Medio Ambiente, Infraestruturas e Cultura-Deporte; e a posta en marcha do Plan de Servizos Sociais "BENOURENSE", para o cal se destinarán este ano 1.700.000 euros –asumidos integramente con recursos propios da Deputación-, fronte aos 350.000 euros de 2012, o que supón un incremento do 485%. Este orzamento repartirase entre o Plan Municipal de Servizos Sociais (850.000 euros), a Teleasistencia (460.000 euros), as Axudas Benéfico-Asistenciais (250.000 euros), e diferentes convenios para programas sociais de entidades sen ánimo de lucro, partida que recibe 140.000 euros.

Asemade, entre as novidades que puxo en marcha a Deputación de Ourense figura a retransmisión dos Plenos por Internet e posta en marcha dunha nova web "que ten como obxectivo ser un verdadeiro servizo público para o cidadán, e dar resposta por parte do presidente, nun prazo máximo de 5 días, a todas as cuestións que plantexen, ademais de ser un instrumento de xestión de trámites e información cidadá".