Manuel Baltar presenta no Parlamento as contas da Deputación para 2018, "os orzamentos do emprego e da cooperación, para seguir facendo máis Ourense"

Compartir

  • "Queremos seguir liderando as deputacións en compromiso coa terra, en transparencia e goberno aberto, en programas innovadores e en foros nacionais e internacionais onde somos chamados para falar de planificación e de xestión. O noso plan é Ourense", expresou Baltar.

  • Os orzamentos da Deputación de Ourense para 2018 ascenden a 80.707.000 euros, a cifra máis alta dos últimos seis exercicios.

  • "Desde o máximo respecto ao Parlamento –dixo-, presento uns orzamentos xa aprobados, somos a primeira administración pública de España en facelo. Unha situación que ten que ver coa planificación, a previsibilidade e a seguridade xurídica, trazas inherentes á administración que presido.

Santiago, 3 de novembro de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, compareceu hoxe diante da Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para dar conta dos orzamentos da Deputación de Ourense para o ano 2018, sendo un ano máis a primeira administración pública do Estado en aprobalos (en setembro pasado). "Desde o máximo respecto ao Parlamento –expresou Baltar- comparezo para presentar unhas contas que son as do emprego e da cooperación, para seguir facendo máis Ourense", e destacou que a Deputación de Ourense "é a única das catro deputacións de Galicia que se presenta no Parlamento cos orzamentos xa aprobados, a primeira administración pública de España en facelo. Unha situación que ten moito que ver con conceptos como planificación, previsibilidade e seguridade xurídica, trazas inherentes á administración que presido".

Os orzamentos da Deputación de Ourense para 2018 ascenden a 80.707.000 euros, "a cifra máis alta dos últimos seis exercicios", subliñou Baltar, destacando como principais novidades: o mantemento da previsión de endebedamento cero da Deputación en maio de 2019, "reducíndose en máis de cen puntos dende febreiro de 2012. Unha redución espectacular que significará a "débeda cero" da institución en 2019". Tamén se referiu o presidente á aposta polo emprego por parte da Deputación de Ourense, duplicando nestes orzamentos a contía do Plan de empregabilidade dos concellos (20.000 € para todos os concellos), axustando o importe dos proxectos de obras do plan provincial (51.000 €, redacción de proxecto incluída).

As contas inclúen desde o inicio do exercicio orzamentario o plan de obras, o plan de desborces, o plan de empregabilidade e o plan de axudas para actividades relacionadas coa mocidade, e a Deputación volve a financiar integramente o Plan de obras, que inclúe tamén ao concello de Ourense e á entidade local menor de Berán (24.000 euros), cun importe total de 4.477.000 euros.

A rede viaria provincial conta nos orzamentos cun investimento de 2.000.000 de euros, e dótase ao Consorcio Provincial de incendios con 1.419.750 euros. Asemade, asúmese a parte de financiamento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal, aportando para este fin a Deputación de Ourense 813.333 euros, a asumindo a Deputación a súa parte e a dos concellos.

Manuel Baltar explicou que o compromiso medioambiental do goberno provincial reflíctese na contía orzamentaria destinada a esa área estratéxica (12.193.505 euros), e que os servizos sociais "seguen a ser unha aposta clara, co Plan Benourense cifrado en 2018 en 1.200.000 euros". Ademais, increméntanse os orzamentos do Inorde, ascendendo a 1.780.000 euros, para o desenvolvemento local, turístico e económico, e mantéñense o Plan de axudas á natalidade, o Plan de Termalismo (500.000 euros), o Plan para gastos correntes de concellos con insuficiencia financeira ou orzamentaria, a liña de subvencións de deportes (400.000) e o Plan Tarazana de actividades recreativas e culturais (200.000). E a entidade local menor de Berán, por primeira vez, inclúese tamén nos plans de de empregabilidade (10.000 euros) e de axudas para a mocidade (3.000 euros).

Baltar dixo que a cooperación coa universidade e co ensino superior "è unha realidade consolidada, tanto co Campus de Ourense -coa súa especialización como "Campus da Auga"-, como coa UNED, para a que achegamos un mínimo de 420.998 euros". Asemade, mantéñense convenios con grupos de investigación das universidades vencellados ao estudo da realidade provincial como o "Grupo Colmeiro" ou co evidente protagonismo de Ourense no ámbito do municipalismo español como o acordo co GEN+ do campus de Ourense.

Baltar destacou que en 2018 "mantéñense as axudas á natalidade, única deputación galega en contar con elas", e tamén a liña de axuda aos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas do territorio provincial, catro das cinco galegas. Consolídanse colaboracións coas entidades empresariais máis representativas no ámbito autonómico, como o Círculo de Empresarios de Galicia; provincial, como a Confederación Empresarial de Ourense e a Cámara de Comercio e Industria; e mesmo a nivel comarcal e local, como a Asociación de Empresarios de Valdeorras ou a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas. Neste sentido, o Plan "Exportou", coa CEO, "representa –dixo Manuel Baltar- unha aposta directa polo apoio á internacionalización das nosas empresas, co protagonismo que merecen as misións empresariais".

"Ourense é cultura –expresou o presidente provincial- e a Deputación segue formando parte e colaborando decisivamente coas entidades culturais de referencia na provincia: Fundación Otero Pedrayo, Fundación Curros Enríquez, Liceo de Ourense e Coral de Ruada, e por suposto coa recentemente creada Fundación Blanco Amor, na honra dun dos xigantes das nosas letras".

Son, en definitiva, os orzamentos do emprego e da cooperación, do compromiso coa provincia e cos seus concellos, cos cidadáns e co futuro de Ourense", dixo Manuel Baltar. "Unhas contas que fan unha aposta especial pola cooperación cos concellos para crear emprego directo. Sobre a base do Plan de empregabilidade de anos anteriores, que foi quen de xerar arredor de 200 postos de traballo anualmente, duplicamos o seu importe para crear máis de 400 empregos. Xurde esta decisión da opinión maioritaria de alcaldes e alcaldesas loubando este plan e considerándoo de especial relevancia".

Facendas provinciais

Manuel Baltar vindicou novamente a participación das facendas provinciais nos tributos autonómicos, "tal e como establece a Constitución, cuestión que nunca se cumpriu. Un posicionamento unánime dos gobernos provinciais de España, tal e como reflectimos nos documentos e declaracións aprobadas, a última delas en Segovia o pasado 6 de outubro". E tamén propuxo que os gobernos autonómicos, en relación cos investimentos territorializados, dean audiencia aos gobernos provinciais na fase previa de elaboración de orzamentos "para constituír un espazo de coordinación de prioridades e intercambio de información de proxectos de cada unha das administracións". "Porque as provincias non son só circunscricións electorais, son territorios con intereses que deben ser postos en valor polos seus gobernos, tal e como establece a Carta Magna. Eses gobernos son as deputacións, chamadas a deseñar e actuar dende unha visión integral de provincia".

Segundo Manuel Baltar, os orzamentos da Deputación de Ourense para 2018 "inciden nesa visión integral de provincia que fixo que cooperásemos con tódalas administracións, tanto co Goberno do Estado como coa Xunta", e destacou a transparencia, "non só como unha obriga senón como unha actitude, un eixo estratéxico dunha acción política presidida por un concepto claro: estamos gobernando para as veciñas e veciños da provincia. Un goberno con xestión económica acreditada, planificador e cooperador, medioambientalista e prestador de servizos sociais municipais, en definitiva instalando un ecosistema provincial de goberno aberto".

Neste sentido, o presidente da Deputación de Ourense destacou que a institución provincial lidera os gobernos provinciais de España en transparencia, segundo o ranking dado a coñecer no Open Govenment Leadership celebrado en La Nucía recentemente. "Un liderado que tamén exercemos en comunicación política, cuestión que tamén creemos fundamental. Planificar, actuar e comunicar. En clave provincial pero liderando a nivel nacional, e traballando en rede dentro de entidades como Partenalia, a organización europea de gobernos locais intermedios; a Xunta de Goberno da FEMP; vicepresidindo a Federación Nacional de Concellos e asociacións de concellos con embalses e centrais hidroeléctricas; formando parte da Comisión Permanente da Fundación Democracia e Goberno Local, o think tank máis importante do municipalismo español, e vicepresidindo a Asociación Europea de Cidades Termais Históricas (EHTTA) que agrupa a 50 territorios termais de 13 nacións europeas.

En definitiva, rematou Manuel Baltar, "queremos seguir liderando as deputacións en compromiso coa terra, en transparencia e goberno aberto –non só as de Galicia, tamén as de España-, en programas innovadores e en foros nacionais e internacionais onde somos chamados para falar de planificación, de xestión de visión e de gobernanza. O noso plan é Ourense", expresou.