Manuel Baltar recibe ao presidente da Asociación Agraria de Galicia
Ourense, 7 de febreiro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao presidente da Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello, acompañado dos técnicos desta entidade María Eugenia Medina, de Valdeorras, e Luis García, de Santiago de Compostela. Na reunión, o presidente Baltar informou do impulso que a Deputación de Ourense dará ao ámbito rural coa creación do "Observatorio do Rural", unha iniciativa do presidente Baltar que ten como obxectivo analizar mercados, competitividade, perspectiva de emprego e proxectos de innovación para o agro ourensán. Esta plataforma de prospección e análise especializada no agro estará aberta a todo o sector rural, tanto no ámbito agrogandeiro como agroalimentario e forestal, e contará coa participación do Colexio oficial de enxeñeiros agrícolas de Ourense, coa finalidade de desenvolver conxuntamente "iniciativas baseadas en políticas innovadoras para seguir modernizando e facendo máis competitivo o agro da provincia de Ourense", expresou Baltar.