Manuel Baltar recibe a empresarios mexicanos, de visita en Ourense para coñecer proxectos de éxito en innovación e internacionalización

Compartir

  • O presidente da Deputación destacou as infraestruturas, o medio ambiente, o termalismo e sectores como o agroalimentario o industrial ou o téxtil como exemplo da capacidade competitiva da nosa provincia.

Ourense, 22 de novembro de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial a unha delegación de empresarios mexicanos que están a visitar estes días a provincia de Ourense para coñecer experiencias de éxito empresarial no ámbito da innovación tecnolóxica e dos sectores agroalimentario e termal, así como iniciativas de internacionalización ourensá en México.

O presidente do goberno provincial destacou no encontro as fortalezas e oportunidades da economía ourensá, "que terá un pulo determinante coa nova infraestrutura ferroviaria do AVE, que situará a Ourense a pouco máis de dúas horas de Madrid", e lembrou as singularidades competitivas da provincia, entre as que citou o termalismo, "con espazos balnearios en 10 dos 92 concellos, e sendo a provincia de Ourense o territorio con máis capacidade termal de Europa".

Os empresarios interesáronse polos principais sectores produtivos da provincia e polas iniciativas de cooperación público-privadas que leva a cabo a Deputación de Ourense de apoio á exportación e internacionalización. Manuel Baltar puxo como exemplo sectores como o agroalimentario, o industrial, o tecnolóxico ou o téxtil, e remarcou a importancia "da situación xeo-estratéxica da provincia, situada no centro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, o que nos coloca nunha situación da vantaxe competitiva, que se reforza co feito de que somos a provincia de España con máis quilómetros de fronteira internacional". O presidente tamén subliñou o papel que xoga Ourense no ámbito do I+D+I, ao contar coa Tecnópole, o parque tecnolóxico máis importante do noroeste da Península Ibérica, e no eido natural, co maior número de parques medioambientais de Galicia, situados no noso territorio provincial. Razóns todas elas que fortalecen e promoven a "marca Ourense", expresou Baltar.