Manuel Baltar: "A transparencia non é só unha obriga senón unha actitude"
- O presidente da Deputación de Ourense participou hoxe no cumio dos líderes de institucións máis transparentes de España, en Alacante, destacando que as políticas de "goberno aberto" "supoñen un traballo en rede en diferentes ámbitos competenciais, pero todos co obxectivo de estar a un só "clic" dos cidadáns".
- No Opengov Leadership Summit 2017, celebrado na localidade de La Nucía, Manuel Baltar expuxo as claves que levan á institución provincial ourensá a ser o goberno provincial máis transparente de España e a liderar o ranking de impacto e influencia en redes.
- Onte coñeceuse que a Deputación de Ourense ocupa o primeiro posto na lista Dyntra de gobernos provinciais máis transparentes, un resultado que Baltar avalía como "moi positivo", afirmando que a transparencia "require de innovación e interactividade constantes, e dun compromiso por ofrecer aos cidadáns a mellor e máis clara información institucional".
Ourense, 20 de outubro de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe en La Nucía (Alacante) no cumio dos líderes da Transparencia en España, o "Opengov Leadership Summit 2017", un evento que reuniu ás institucións máis destacadas na súa xestión no ámbito do "goberno aberto". Trátase do primeiro Summit que se celebra en España sobre liderado en Transparencia e Goberno Aberto, un encontro no que foi convidada a participar a Deputación de Ourense para expoñer as claves que levan á institución provincial a liderar os índices de transparencia e o ranking dos gobernos provinciais en impacto e influencia en redes como Twitter.
No cumio debateuse sobre a transparencia na Administración Pública, o protagonismo da sociedade civil, as organizacións na era do goberno aberto e os casos de éxito no ámbito da transparencia.
Manuel Baltar, quen participou na mesa de clausura da conferencia titulada: "Os líderes da Transparencia en España", interveu como relator xunto a Javier Maroto, vicesecretario nacional de Políticas Sociais do Partido Popular e a Augusto Hidalgo, alcalde das Palmas. O presidente da Deputación expresou que a transparencia "non é só unha obriga senón unha actitude. Ou se é transparente ou non", dixo, destacando que as políticas de "goberno aberto" "supoñen un traballo en rede en diferentes ámbitos competenciais, pero todos co obxectivo de estar a un só "clic" dos cidadáns".
No Opengov Leadership Summit 2017, Manuel Baltar expuxo as claves que levan á institución ourensá a ser o goberno provincial máis transparente de España e a liderar o ranking de impacto e influencia en redes. Precisamente, onte coñeceuse que a Deputación de Ourense ocupa o primeiro posto na lista Dyntra de gobernos provinciais máis transparentes, un resultado que Manuel Baltar avalía como "moi positivo", afirmando que a transparencia "require de innovación e interactividade constantes, e dun compromiso diario por ofrecer aos cidadáns a mellor e máis clara información institucional".
Ao remate do acto entregáronse os premios "Opengov Leadership Awards 2017". Manuel Baltar recibiu o galardón que acredita á Deputación de Ourense como goberno provincial máis transparente de España.
Traballo en rede
Baltar afirmou que a transparencia "é un traballo en rede", e citou os ámbitos no que está presente a Deputación de Ourense desenvolvendo un labor de cooperación e goberno aberto, como a xunta de goberno da FEMP, a rede europea de gobernos locais intermedios, Partenalia, a Rede europea de territorios termais e a Fundación Democracia e Goberno Local.
Asemade, destacou o concepto de "administración esponxa" que impulsa nas directrices políticas da Deputación de Ourense, "procurando o máximo contacto coa cidadanía por medio de plataformas; retransmisións de plenos, comisións e aperturas de plicas en procedementos de contratación, así como dos sorteos de membros de tribunais en probas de emprego público". Xunto a estas ferramentas tecnolóxicas que permiten maior interactividade cidadá coa institución provincial, Baltar explicou que a web da Deputación dispón dun apartado para que os cidadáns lle transmitan calquera cuestión ao presidente e que esta será respondida en 5 días, e que está en funcionamento para dispositivos móbiles unha App da Deputación para trámites administrativos e denuncias.
Manuel Baltar remarcou no seu relatorio que a transparencia "é un eixe estratéxico no labor da institución provincial ourensá", e dixo que todos os ámbitos de actuación están presididos por ela, citando a xestión económica, os plans de mandato, a cooperación, e as políticas medioambientais, sociais e de infraestruturas. Unha transparencia que abrangue tamén aos ámbitos da RPT, co Negociado de Transparencia (2013) e a Dirección da Área de Transparencia e Goberno Aberto; coa designación dunha deputada delegada neste ámbito, e unha comisión informativa de Transparencia. A elo hai que engadir documentos e acordos políticos plenarios como o Código ético e de conduta, a Ordenanza provincial de Transparencia, a Carta de Servizos e o regulamento sobre as preguntas dos veciños ao presidente nos plenos.
"Todo proxecto comeza na transparencia y vai con ela ata o seu remate, ata o momento en que a cidadanía e os concellos se poden beneficiar dos seus resultados. Porque a credibilidade e a confianza que se transmite aos cidadáns forman parte fundamental do motor que move as administracións", comentou Manuel Baltar.