Manuel Baltar visita con empresarios de Ourense a factoría do Grupo PSA en Vigo
Ourense, 29 de novembro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado de empresarios ourensáns e representantes do Círculo de Empresarios de Galicia, visitou hoxe en Vigo as instalacións do grupo automobilístico PSA. O presidente do goberno provincial estivo acompañado polo director da factoría e do polo industrial ibérico do grupo francés, Frèderic Puec, percorrendo o taller de montaxe do centro, unha das principais plantas de produción do grupo e un dos piares da economía galega.
Manuel Baltar afirma que as liñas de cooperación entre administración pública e o sector privado "teñen de ser sempre unha constante nas relacións institucionais, como vimos referendando desde a Deputación de Ourense co ámbito empresarial ourensán, representado pola CEO, e co Círculo de Empresarios de Galicia", e no que atinxe a PSA destacou "o excelente labor profesional e social que este grupo da industria da automoción realiza desde Galicia para todo o mundo, un exemplo -dixo- do que supón a innovación aplicada ao sector automobilístico e a implicación cun territorio, como o Grupo PSA vén demostrando coa nosa comunidade autónoma".