Manuel Baltar visita en Baños de Molgas os danos causados polas pasadas inundacións
- O pleno do pasado venres aprobou unha modificación de créditos que permitirá achegar 60.000 euros para traballos de recuperación da zona afectada.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar visitou, acompañado por Eladio Mangana, alcalde de Baños de Molgas, as zonas que resultaron danadas neste municipio a causa das pasadas inundacións, principalmente no entorno das piscinas da capital do concello. O pleno da Deputación deste venres aprobou unha modificación de créditos que fará chegar 60.000 euros para os traballos de recuperación da zona, mediante a sinatura dun convenio entre o goberno provincial e o local. O alcalde agradeceu tamén ao presidente provincial a sinatura próxima doutro convenio entre ámbalas dúas entidades, por un importe de 25.000 euros, para acondicionar o campo de fútbol. En total, engadindo a estas cantidades as achegas do plan provincial, Baños de Molgas disporá de 125.000 euros para investimentos, 11.000 euros dos cales son aportados polo concello.
Mangana e Baltar repasaron as necesidades do municipio e da comarca, valorando tamén o bo funcionamento de plans provinciais como BenOurense, actuación da Deputación para colaborar co mantemento dos servizos sociais nos concellos. Mangana estivo acompañado dos concelleiros do equipo de goberno de Baños de Molgas.