Manuel Baltar visita o colexio Divina Pastora, no remate da "5ª Semana escolar da provincia e a súa Deputación"

Compartir

  • Máis de 8.700 alumnos e profesores de 66 centros educativos da provincia participaron este ano nas actividades programadas, baseadas na tradición do entroido nas diferentes comarcas ourensás.

Ourense, 1 de decembro de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe o colexio Divina Pastora–Franciscanas, de Ourense, na xornada de remate das actividades desenvolvidas na "5ª Semana escolar da provincia e a súa Deputación", na que participaron máis de 8.700 alumnos e profesores de 66 centros educativos da provincia, iniciativa promovida pola Deputación de Ourense.

A temática deste ano centrouse no entroido, para pór en valor esta importante riqueza etnográfica de concellos e comarcas da provincia de Ourense. Ao longo destes días os escolares participantes -alumnos desde 6º de Primaria a 4º da ESO, e tamén de Ciclos e Bacharelato- realizaron murais, redaccións, debates e traballos multimedia ao redor das peculiaridades do entroido, con exposición dos seus traballos nos centros educativos. Paralelamente, a 5ª Semana Escolar contou coa tradicional xornada de "portas abertas" do Pazo Provincial, na que participou o presidente, Manuel Baltar, e coa visita de escolares ao pleno da corporación provincial do pasado mes de novembro, e tamén se celebrou unha sesión plenaria infantil, na que se abordou o tema do entroido.

O presidente do goberno provincial dixo hoxe na súa visita ao colexio Divina Pastora que esta actividade "é acaída para que reflexionemos sobre o que é máis noso, sobre o que caracteriza e potencia a nosa provincia, unha actividade baseada nesta edición nun tema etnográfico de grande relevancia como é o entroido, e a Deputación de Ourense séntese leda de chegar á infancia e colaborar na súa formación en temas identitarios referidos á nosa cultura, á nosa natureza, a nosa literatura e patrimonio histórico-artístico, en definitiva, a todas as riquezas que temos na provincia de Ourense".

Esta edición contou con 8.751 participantes, entre alumnos e docentes, que traballaron sobre os distintos aspectos do entroido e a súa historia, tradicións e iconografía. Para elo, a Deputación de Ourense editou o manual De Entroido pola ourensanía, ilustrado por Ana Costas e escrito por Alberto Ramos, que fai un percorrido por medio da literatura para achegar a realidade do entroido: orixes, tradicións e localizacións. Ademais, a Deputación editou unha guía do profesorado e un programa de actividades con diferentes propostas de traballo.