Manuel Penín enche o Centro Cultural da Deputación de Ourense cos seus retratos dunha soa liña

Compartir

O artista inaugura esta tarde a exposición "Human Matter" con orixinais debuxos e cunha explosión de cores, mostra da nova vangarda artística ourensá.

O artista ourensán Manuel Penín presentou esta mañá no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense a exposición "Human Matter", unha mostra coa que enche este espazo cultural con orixinais retratos feitos cunha soa liña –sen levantar o lapis do papel-, complementados con obras pictóricas que reflicten unha explosión de cor "caracterizada polo optimismo e certos trazos figurativos", segundo explicou o autor. O artista ourensán define a exposición como "unha serie de cadros que seguen unha liña colorista na que a positividade da vida sobresae por riba de calquera outro aspecto". Na mostra –que se inaugura esta tarde ás 20.15 horas coa presenza do presidente da Deputación, Manuel Baltar- destaca a preferencia de Penín polo rostro humano, ao que dedica máis de 150 obras que se expoñen de persoeiros de todos os ámbitos e condicións sociais; persoas coñecidas e anónimas, das que Penín extrae a mirada e o sentimento cunha soa liña.

O autor afirma que esta modalidade de facer retratos sen levantar o lapis do papel xurdiu hai dez anos nun obradoiro que fixo precisamente no Centro Cultural da Deputación, técnica que perfeccionou posteriormente en Berlín.

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, destacou no acto de presentación que Manuel Penín "é un artista polifacético que forma parte dunha nova xeración de creadores aos que desde a institución provincial apoiamos, e ao que lle agradecemos que achegue orixinalidade e creatividade a este mundo do arte, cada día en constante evolución".

Asemade, o director do Centro Cultural, Francisco González, afirmou que con esta mostra "iniciamos unha nova tempada, aínda que practicamente mantivemos unha continuidade con a penas uns días de parón no mes de agosto para realizar os cambios de exposicións e obras de mantemento". Sobre Manuel Penín dixo que esta é a segunda vez que este artista amosa os seus traballos no Centro Cultural, "algo que non é habitual e que fala ben ás claras da calidade do arte de vangarda que exhibe Penín, xa que forma parte dunha xeración que lle toma o relevo aos grandes nomes de artistas que deu Ourense para seguir asentando a tradición artística da nosa provincia".