Menor destaca en Xantar o potencial da enogastronomía como motor económico e turístico de Ourense a oportunidade de reforzar os lazos con Portugal

Compartir

O titular da Deputación participou na inauguración da 27ª edición do Salón Internacional de Turismo Enogastronómico, que se celebra en Expourense ata o 22 de novembro e que ten a Portugal como país convidado

Luis Menor reivindicou a gastronomía como un dos grandes sinais de identidade da provincia e como unha ferramenta para xerar riqueza, emprego e novas oportunidades no rural

O presidente provincial destacou a alta velocidade ferroviaria, o termalismo e a proximidade con Portugal como grandes aliados para consolidar Ourense como destino de escapadas gastronómicas e experiencias turísticas durante todo o ano

Ourense, 19 de novembro de 2026.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración da 27ª edición de Xantar, o Salón Internacional de Turismo Enogastronómico, que se celebra en Expourense ata o vindeiro 22 de novembro e que nesta ocasión ten a Portugal como país convidado.

Durante a súa intervención, Menor reivindicou a extraordinaria riqueza gastronómica da provincia e a súa capacidade para converterse nun dos principais motores de desenvolvemento económico e turístico do territorio. "Se hai algo que sabemos facer ben en Ourense, ademais de comer, é compartir mesa e mantel", afirmou, destacando a hospitalidade como un dos grandes valores diferenciais do destino ourensán.

O presidente provincial subliñou que Xantar representa "un escaparate do que somos, do que temos e do que podemos ofrecer ao mundo", ao tempo que permite poñer en valor o traballo dos agricultores, gandeiros, viticultores, produtores, cociñeiros e hostaleiros que contribúen a facer da gastronomía unha fonte de riqueza e oportunidades.

Neste sentido, lembrou que Ourense conta cunha despensa extraordinaria, catro denominacións de orixe vitivinícolas e unha oferta culinaria que combina tradición e innovación, cunha identidade propia en cada comarca.

"Apostar pola enogastronomía é apostar tamén polo futuro do noso rural", sinalou Menor, incidindo na importancia deste sector para dinamizar a economía local, apoiar o tecido produtivo e contribuír a manter vivos os concellos da provincia.

Portugal, socio estratéxico para impulsar o turismo de proximidade

Un dos eixos centrais da intervención do presidente da Deputación foi a participación de Portugal como país convidado nesta edición de Xantar, unha circunstancia que considerou especialmente significativa pola estreita vinculación histórica, cultural, social e gastronómica entre ambos os territorios. "Galicia e Portugal compartimos moito máis ca unha fronteira. Compartimos historia, cultura, paisaxes, tradicións e, por suposto, o gusto pola boa mesa", afirmou.

Menor destacou a oportunidade que representa esta proximidade para impulsar un modelo de turismo baseado nas escapadas gastronómicas de fin de semana e no intercambio de visitantes entre Galicia e Portugal. "Queremos que os galegos sigamos descubrindo Portugal e que os portugueses veñan descubrir Ourense, os nosos viños, a nosa gastronomía, o noso patrimonio e os nosos recursos naturais", explicou, defendendo a cooperación transfronteiriza como unha vía para abrir novas oportunidades económicas e turísticas.

O AVE e o termalismo, aliados dunha experiencia turística completa

O presidente provincial tamén puxo o foco nas oportunidades que ofrece a alta velocidade ferroviaria para incrementar o atractivo de Ourense como destino turístico, ao facilitar as conexións con Madrid e outros puntos da Península. "A alta velocidade achegounos ao resto da Península e permítenos presentarnos como un destino ideal para escapadas de fin de semana, viaxes culturais e experiencias gastronómicas", destacou.

A esta vantaxe competitiva sumou o potencial do termalismo, un dos recursos máis singulares da provincia e un complemento estratéxico para enriquecer a experiencia dos visitantes. "Se a unha boa mesa lle engadimos o privilexio das nosas augas termais, o resultado é unha maridaxe difícil de superar", sinalou Menor, reivindicando a combinación de gastronomía, patrimonio, natureza e benestar como un dos grandes atractivos de Ourense.

Neste contexto, reafirmou o compromiso da Deputación co impulso dun modelo turístico "de calidade, sostible, que xere oportunidades en toda a provincia e contribúa a dinamizar a economía dos nosos concellos".

Xantar, escaparate do produto local e das experiencias gastronómicas

Menor tamén destacou a importancia de Xantar como punto de encontro para os profesionais do sector e como plataforma de promoción da produción local. Entre as propostas desta edición figura o mercado gastronómico, que reúne a representantes da hostalaría e empresas ourensás para ofrecer ao público diferentes elaboracións e tapas, nun formato que favorece a degustación e o descubrimento de novos sabores.

O salón incorpora tamén propostas vinculadas ao patrimonio e aos itinerarios culturais, como o Camiño Mozárabe, reforzando a conexión entre gastronomía, cultura e turismo.

O presidente da Deputación felicitou a Expourense, aos organizadores, expositores e profesionais que fan posible esta nova edición, agradecendo especialmente a participación de Portugal e expresando o desexo de que Xantar contribúa a seguir estreitando os vínculos entre ambos os territorios.

Menor concluíu cunha invitación a descubrir a provincia a través dos cinco sentidos: "En Ourense hai moito que ver, moito que vivir e, afortunadamente, moito que saborear. E, por riba de todo, aquí sempre hai un sitio máis na mesa".