Menor destaca o papel da Asociación Afiador na formación e no impulso do fútbol ourensán, así como a súa especial atención á igualdade no deporte

Compartir

Salientou tamén a atención que Afiador presta ao fútbol feminino, cunha homenaxe a clubs e técnicos que contribúen ao seu crecemento na provincia, eixo central do encontro

Ourense, 29 de decembro de 2025.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, asistiu hoxe ao encontro organizado pola Asociación de Adestradores de Fútbol Afiador, un colectivo que se consolida como un dos máis activos e dinámicos do deporte provincial, con máis de 250 socios e preto de 35 anos de traxectoria.

Durante o acto, Menor puxo en valor o labor da asociación na mellora da calidade técnica do fútbol ourensán e no seu compromiso cun deporte que vai máis alá da competición, incidindo na formación, nos valores e na igualdade de oportunidades. Neste sentido, salientou tamén a atención que Afiador presta ao fútbol feminino, cunha homenaxe a clubs e técnicos que contribúen ao seu crecemento na provincia, eixo central do encontro.

O presidente provincial reafirmou o compromiso da Deputación de Ourense co deporte en todas as súas modalidades, lembrando iniciativas como as Copas Deputación ou o programa Nena e Deporte, orientadas a fomentar a práctica deportiva desde a base e a visibilizar o talento feminino.